Saleta Castro consegue o segundo posto no Infinitri Half de Peñíscola
Por Diego Espiño
Positivos primeiros pasos na tempada de Saleta Castro, que no seu primeiro tríatlon do ano subiu ao segundo chanzo do podio enchéndose de moral para a súa próxima participación no Ironman de Lanzarote.
A triatleta pontevedresa participou no Infinitri Half de Peñíscola, unha proba de media distancia na que conseguiu a segunda posición só superada por Helene Alberdi.
Foi precisamente Alberdi a primeira en saír da auga, con algo máis de dous minutos sobre a gran favorita da carreira, a francesa Manon Genet (prata mundial ITU de longa distancia) e con Saleta terceira a 3:14 da cabeza.
Con todo Genet retirábase no sector ciclista e aínda que a distancia co liderado ampliábase, a pontevedresa afianzaba o seu segundo lugar na última transición a 11 minutos e 25 segundos.
Finalmente Helene Alberdi cruzou a liña de meta como vencedora cun tempo de 4:24:35 e 10 minutos de vantaxe sobre unha Saleta Castro que sinalou ao terminar que "sabía que sería unha carreira bonita, dura, diferente, pero superou todas as miñas expectativas. Estou moi contenta coa miña carreira, con volver sentirme ben".
Pechou o podio na terceira posición Cristina Roselló a máis de 20 minutos da gañadora.