"Acto de recoñecemento, admiración e agradecemento" na Deputación aos clubs femininos de elite
Por Redacción
O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes un acto de homenaxe aos clubs deportivos femininos de elite da provincia.
Foi, en palabras da presidenta provincial Carmela Silva, un acto "de recoñecemento, de agradecemento e de orgullo", porque "se hai algo que me faga sentir orgullosa e optimista e que me faga pensar que hai futuro son os éxitos do deporte feminino".
Silva, que encomiou "ás rapazas que practicades deporte e que facedes que as nenas e mozas teñan grandes referentes", mostrou tamén una certa preocupación "porque haxa tan poucas adestradoras e directivas na elite do deporte así como na organización das competicións", un aspecto que impulsou á Deputación a crear unha liña de axudas para a formación de técnicas adestradoras na provincia en distintas modalidades.
Na homenaxe participaron representantes de cinco entidades deportivas, como son o Poio Pescamar (Ana Rivera), o Marín Futsal (Silvia Aguete), o Club Ciclista Farto (Sabela Rey), o Balonmán Porriño (Mica Casasola) e Atlético Guardés (Lorena Pérez), este último equipo que vén de proclamarse subcampión da Copa da Raíña de balonmán.
Tamén tomaron a palabra as propias deportistas, sinalando por exemplo Silvia Aguete que "as xogadoras apostamos porque as nenas que veñen detrás teñan referentes femininas e que saiban que poden dedicarse profesionalmente ao deporte".
No que respecta a a administración provincial, resaltou que a súa aposta polo deporte feminino achega este ano 191.000 euros aos clubs de elite da provincia.