A 4 Picos Road regresa o 26 de xuño co "muro de San Xulián" como reto principal
Por Manu Otero
A quinta edición da Pontevedra 4 Picos Road, unha proba clásica de ciclismo en ruta organizado pola empresa Global DXT que homenaxea ao director do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Evaristo Portela; celebrarase o 26 de xuño polas estradas de Pontevedra e a súa comarca. Trátase dunha proba cicloturista non competitiva, pero que inclúe dous tramos de subida cronometrados que fará as delicias dos amantes deste deporte.
A organización decidiu este ano manter o percorrido da edición anterior. O pelotón partirá desde o paseo de Montero Ríos en Pontevedra ás 9 horas e poderá elixir entre a proba de medio fondo de 95 quilómetros, con tres picos, ou a de gran fondo, de 125 quilómetros, cun cuarto pico no muro de San Julián que finalizará no Lago de Castiñeiras. Desde alí, os corredores regresarán neutralizados ata a Alameda de Pontevedra onde estará a meta.
"É unha proba cicloturista, non ten carácter competitivo, pero ten dous tramos cronometrados para ter algún momento estelar", puntualizou Josevi Cimadevila, responsable da proba e da empresa organizadora GlobalDXT, en referencia aos dous picos máis destacados do circuíto: o de Marín e a primeira subida desde Campo Lameiro cara a Cuspedriños para chegar a Carballedo.
Ademais de render homenaxe a Evaristo Portela pola súa dilatada traxectoria no ciclismo e o seu labor para promocionar este deporte desde Pontevedra, esta quinta edición contará cun padriño de excepción: o exciclista Mariño Lejarreta, gañador dunha Volta a España e de varias etapas nas grandes carreiras do circuíto internacional e nacional nos anos 80 e 90.
O prazo de inscrición atópase xa aberto a través da web oficial da proba, na que está toda a información sobre o regulamento, o percorrido e as modalidades.
Na presentación do evento, que tivo lugar este venres no Concello de Pontevedra estivo presente, ademais de Josevi Cimadevila, o director do GD Supermercados Froiz, Evaristo Portela; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; e o deputado provincial, Gregorio Agís.
"O percorrido é espectacular", asegura Portela, quen espera que a meteoroloxía sexa favorable, "non como o ano pasado que choveu moitísimo", lembrou entre risas.
Da consolidación e crecemento da proba falou Muñiz. "Afiánzase ano tras ano non calendario", dixo o presidente da Federación, agradecendo o labor de Global DXT e o apoio das institucións.
Pola súa banda, tanto Fernández como Agís destacaron a boa organización dunha proba tan complexa como os 4 Picos. "É sinónimo de boa organización", dixo o deputado. "Hai un inmenso traballo de organizacion detrás dunha proba como esta", engadiu o representante municipal, quen destacou o carácter non competitivo dunha proba que promove unicamente a actividade física dunha forma sa e divertida. "Que cada un faga ou que poida. É unha festa e a cuestión é pasalo ben", rematou Tino Fernández.
Relacionadas:
-
A 4 Picos Road regresa o 23 de abril cunha imaxe renovada e para todo tipo de participantes
Por Almu Dapena |
-
Pontevedra énchese de bicis coa quinta edición da 4 Picos Road
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
A 4 Picos volve á orixe coa súa sétima edición e con David Vaz revalidando título
Por Cristina Saiz & Redacción | Creada e actualizada
-
A 4 Picos celebra os seus oito anos de historia cunha "volta á orixe"
Por Manu Otero |