![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/cf5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/62fb792660-farkup7xgaamznl.jpg)
© Real Federación Española de Atletismo
Antía Chamosa suma experiencia internacional cun posto 15 no Europeo de Munich
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
O atletismo pontevedrés estaba moi pendente este martes 16 de agosto do que acontecía no Campionato de Europa de Atletismo que se está celebrando na localidade alemá de Munich.
A culpa tíñaa en gran medida a pontevedresa Antía Chamosa, atleta da Sociedad Gimnástica que no seu primeiro ano como deportista sénior afrontaba coa Selección Española a proba dos 35 quilómetros marcha.
Chamosa sumou unha valiosa experiencia internacional en Alemaña a pesar de non poder loitar polos postos de honra, finalizando no 15º lugar cun tempo de 3 horas, 6 minutos e 37 segundos.
A representante da Gimnástica foi a terceira das atletas españolas, quedando descolgada da cabeza a máis de 19 minutos da vencedora, a grega Antigoni Ntrismpioti (2:47:00). A nacional Raquel González logrou a medalla de prata (2:49:10) e a húngara Viktória Madarász o bronce (2:49:58), mentres que a outra española en competición, Mar Juárez, foi sétima (2:55:27).
Doutra banda no que era tamén o seu primeiro Europeo Absoluto outro representante do club pontevedrés, Iñaki Cañal, non puido pasar alcanzar a final nos 400 metros lisos ao ser sexto na súa semifinal cunha marca de 46.10 segundos.