Pontevedra presume do potencial dos seus taekwondistas
Por Manu Otero
A cidadanía de Pontevedra pode presumir de ter como veciños a tres dos taekwondistas máis prometedores, non só de Galicia, senón do panorama nacional. Para felicitalos polos seus logros na tempada que acaba de finalizar, Sara Cortegoso, Mauro Fentanes e Álex Pazos, foron recibidos este martes no Concello polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
Despois de recibir un obsequio por representar a Pontevedra tanto a nivel nacional como internacional, os taekwondistas do Mace Sport e do Taekanart, os dous principais clubs desta disciplina da cidade, repasaron os seus logros e comentaron as súas expectativas de futuro.
O primeiro en recibir eloxios Mauro Fentanes, que estivo acompañado do adestrador do Mace Sport, Miguel Cortegoso. "Ten unha proxección moi boa, é medalla de ouro cadete no campionato de España e xa compite en júnior", detallou o seu preparador. "É unha promesa seria", engadiu o rexedor arrincando un sorriso do mozo deportista.
Máis coñecida, por ter unha traxectoria e un palmarés máis amplo, é a súa compañeira de equipo Sara Cortegoso. Tras un ano en branco por un problema persoal, a taekwondista que chegou a formar parte da selección española ten entre cella e cella recuperar o seu mellor nivel esta tempada. "Este ano non estiven no meu peso, todo se me viu enriba", recoñeceu a pontevedresa de 24 anos.
Con todo, xa acabou a un gran nivel conquistando o Campionato de España Universitario. De volta a Pontevedra, tras varias tempadas no Centro de Alto Rendemento de Barcelona, Cortegoso márcase para o próximo curso a meta de regresar ao combinado nacional e, por que non, soñar con pelexar por estar no 2024 en París.
O futuro do Taekanart pertence a Álex Pazos, un novo taekwondista de 18 anos que foi terceiro nos nacionais júnior individuais e de clubs e que xa compite en categoría sub 21. A nivel internacional deixou moi boas sensacións nun campionato en Israel no que chegou a cuartos de final, onde caeu contra o número dez do mundo. Para o novo curso, as súas metas serán moito máis ambiciosas e seguir escalando no ranking nacional é xa unha obrigación tanto para el como para o seu técnico Toño Ríos.
Ademais, as instalacións de adestramento coas que contan estes dous clubs víronse melloradas recentemente. Os taekwondistas de ambos os equipos adestran xa nas renovadas instalacións da ONCE, un centro de preparación amplo e ben equipado que comparten os integrantes da Escola Hungaresa de Esgrima.