Jéssica Bouzas, no equipo español da United Cup xunto a Rafa Nadal e Paula Badosa
Por Redacción
A tempada non se iniciou aínda no mundo do tenis pero avanza xa grandes noticias para Jéssica Bouzas.
A tenista arousá foi incluída no equipo de España que participará na recentemente creada United Cup, competición mixta por países que se celebrará en Australia coa presenza dalgunhas das mellores raquetas do panorama internacional.
De feito Bouzas completa un equipo español que encabezan Rafa Nadal e Paula Badosa, acompañados de Pablo Carreño, Albert Ramos, Nuria Párrizas e David Vega.
A United Cup celebrarase en Perth, Brisbane e Sydney, xogando España os seus partidos nesta última localidade nun grupo no que se cruzará con Australia e Reino Unido. Sidney acollerá ademais as semifinais e final do 6 ao 8 de xaneiro.
Será unha cita de gran nivel que servirá a Jéssica Bouzas, actual número 192 do ranking WTA, para preparar o seu asalto ao primeiro Grand Slam da tempada, o Open de Australia, no que participará na fase previa.