A San Silvestre quenta motores coa esperanza de bater o récord de 7.000 corredores do 2019
Por Manu Otero
Creada e actualizada
Creada e actualizada
"Aínda que chova ou vente, a xente participa igual". Unha frase do concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que resume o compromiso que ano tras ano a cidadanía pontevedresa mantén coa tradicional carreira de fin de ano. O día 31 de decembro, ás 17 horas, darase a saída a unha das edicións máis especiais da San Silvestre que organiza cada ano a Sociedad Gimnástica, un regreso á normalidade despois de dous anos marcados pola pandemia.
"A xente quere vir, hai moitas ganas, pero si que é certo que con estes días de choiva a algúns lles custa máis vir anotarse, pero a previsión para o sábado mellorou", recoñeceu o atleta e director técnico da proba, Víctor Riobó, durante a presentación da trixésimo novena edición da San Silvestre de Pontevedra.
Como é habitual, a saída está prevista para as 17 horas desde o paseo de Montero Ríos. Os corredores deberán completar un circuíto que rolda os 4 quilómetros por todo o centro histórico da cidade e con premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría.
Pero a posición final é o menos importante desta xornada. "Queremos que os amigos e as familias gocen", recalca Riobó facendo fincapé no bonito que é correr por un circuíto cheo de xente animando. "O obxectivo é volver xuntar a cabeza coa cola", engadiu o atleta. Un fito que supoñería superar os 7.000 corredores que participaron na edición do 2019, a máis numerosa ata a data.
A presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro, aproveitou a presentación para animar a toda a cidadanía a participar, pero lembrou a importancia de facelo cun dorsal, que se seguirán entregando de forma gratuíta ata o sábado pola mañá no Mercado de Abastos.
"É importante correr con dorsal para levar un control e que se a alguén lle pasa algo o seguro da carreira se faga cargo", puntualizou Riobó.
O Concello de Pontevedra fixo público este mércores o plan de tráfico deseñado especificamente para o día da proba. Entre as 16 e as 19 horas do próximo sábado, quedará prohibido acceder e sair con vehículo á zona afectada pola proba, que é a maior parte da zona vella da cidade.
Recomendan que durante esas horas a circulación canalícese pola Avenida de Uruguai, Eduardo Pondal ou María Vitoria Moreno.
Relacionadas:
-
A San Silvestre pontevedresa obriga a tomar medidas co tráfico
Por Redacción |
-
O mal tempo apraza ao 5 de xaneiro o espectáculo pirotécnico de Fin de Ano en Sanxenxo
Por Redacción |
-
O tecido deportivo pontevedrés incrementa o número de participantes da San Silvestre
Por Redacción |
-
A San Silvestre abre inscricións no Mercado de Abastos
Por Redacción |