Confianza no Poio Pescamar para asaltar por primeira vez a pista do Burela
Por Redacción
A Primeira División de Fútbol sala pecha esta fin de semana a súa primeira volta de competición e faino cun duelo grande para o Poio Pescamar, que visita o sábado (19.00 horas) a pista do poderoso Burela Pescados Rubén.
O cadro vermello busca o primeiro triunfo da súa historia en Burela, convencido de poder conseguilo. "Agora mesmo eu creo que está o mellor Poio da súa historia, que mellor momento para gañar e facer algo que non fixeramos. Confiamos, sabemos que vai ser un partido moi difícil pero é posible se facemos as cousas que estamos a facer ata o de agora", asegura Marta.
A futbolsita do Poio Pescamar avisa en todo caso do potencial dun rival co que están empatados a 39 puntos a só tres do liderado. "É un equipo que está acostumgrado a gañar, moi competitivo, xogadoras que se perdes a concentración un mínimo pódenche facer un gol". Por iso "sentirnos capaces de gañar o partido pode ser determinante", avanza.
Pola súa banda a xornada tamén é importante para o Marín Futsal pero por unha razón ben diferente, para afastarse definitivamente da zona de perigo. O bloque marinense chega ao ecuador da liga cun partido na Raña fronte ao Rayo Majadahonda, equipo que con 7 puntos marca a fronteira co descenso.
O Marín, con 14 puntos, afrontará a cita con Lara Balseiro e Café entre algodóns. A cita, a partir das 17.00 horas do sábado.