Antonio Fernández, tras a derrota ante Unionistas: "Queda moito por diante"
Por Redacción
"Queda moito por diante". Esas foron as palabras do adestrador do Pontevedra CF tras a derrota deste sábado ante Unionistas de Salamanca.
Antonio Fernández cre que o equipo fixo "unha primeira parte moi boa na que estivo o noso partido", quitando "o primeiros dez minutos" nos que o conxunto local foi claro dominador.
Con todo, "unha vez que nos asentamos o equipo estivo moi ben, chegou moi ben por fóra e foi superior, pero non fomos capaces de materializar ese dominio, tanto en control de xogo como en dominio de balón", explicou o técnico na rolda de prensa.
Considera Fernández que o único gol do partido chegou dunha falta un tanto dubidosa na que "o árbitro aprecia que é falta", aínda que "o gol vén dun rexeite no que non estamos coa tensión suficiente" polo que "non ten escusa ningunha".
"O gol mátanos e ponnos o partido costa arriba", afirmou o adestrador, preocupado porque "hoxe viñamos con intención de sumar e non o conseguimos".