A selección galega sub 16 métese en semifinais do Campionato de España de fútbol sala feminino
Por Redacción
A Selección Galega sub 16 de fútbol sala feminino asina o billete para as semifinais do campionato de España de seleccións autonómicas.
As galegas clasificáronse despois de derrotar á Castilla la Mancha na quenda de penaltis.
O partido foi unha auténtica montaña rusa, pero Galicia, nun exercicio de madurez extraordinario, loitará por unha praza na gran final da cita nacional que se está celebrando en Murcia.
O choque era a vida ou morte. Ambas as seleccións chegaban igualadas a todo a última xornada da fase de grupos despois de golear a Melilla.
As galegas puxéronse por diante no primeiro minuto, Castilla la Mancha foi quen de remontar en apenas 7 minutos, a marinense Sara Couso empatou de novo a contenda a falta de cinco minutos para o descanso e as locais volveron golpear para mandar no marcador ao descanso (3-2). Pero o mellor aínda estaba por chegar.
Nunha segunda metade sobresaínte do combinado preparado por Bea Seijas, Galicia volvía poñerse por diante con dous goles consecutivos na recta final do envite (3-4). Con todo, Castilla La Mancha non dixera a última palabra e mandou o enfrontamento aos penaltis grazas ao tanto do empate (4-4) no minuto 35.
Na quenda de penaltis, Galicia levou o gato á auga para poder seguir soñando. Andalucía será o rival das galegas en semifinais, que se disputarán o xoves 19 ás 10 horas. A outra semifinal enfrontará a Cataluña e Madrid.
A convocatoria galega conta con tres xogadoras das bases de equipos da comarca de Pontevedra como son Sara Couso, do CD La Peña; e Irene Rozas e Estela Fernández, do Poio Pescamar.