Samu Araújo, tres meses de baixa, di adeus á tempada
Por Manu Otero
Malas novas para o Pontevedra e o seu futbolista Samu Araújo. O lateral tivo que retirarse do campo antes de tempo no partido do pasado sábado fronte á Cultural Leonesa despois de solicitar o cambio ao sufrir unha importante torsión no seu xeonllo nun mal xesto en solitario.
Desde un primeiro momento, todos en Pasarón teméronse o peor. Con todo, co paso dos días e a evolución da doenza todo parecía indicar que non había rotura de ligamentos, aínda que había que asumir que a lesión sería igualmente de longa duración.
Este mércores e despois de practicarlle diversas probas ao defensor para diagnosticar con exactitude a lesión, o Pontevedra fixo público o informe médico que confirma que Samu Araújo estará polo menos tres meses de baixa. Un período de recuperación que, salvo recuperación impecable, obrígao a dicir adeus á tempada.
Dacordo co informe asinado polos servizos médicos do Pontevedra, Samu Araújo padece unha rotura fibrilar na inserción co ligamento cruzado anterior, unha lesión meniscal na hasta interior do menisco externo e unha lesión no ángulo posterolateral con afectación do tendón poplíteo e do bíceps femoral parcial.
"O tempo de baixa deportiva será de tres meses, aínda que dependerá da evolución do proceso e actuacións terapéuticas posteriores", recolle o comunicado do club.
Así mesmo, a recomendación dos servizos médicos é a aplicación dun tratamento conservador, polo que nun primeiro momento queda descartada a necesidade de pasar polo quirófano.