Dobre triunfo de España sobre Arxentina con sabor a conserva
Por Redacción
As seleccións nacionais de fútbol sala feminino de España e Arxentina citáronse esta semana para un dobre enfrontamento amigable no pavillón da Cidade do Fútbol de Las Rozas. As de Claudia Pons tiveron que empregarse a fondo para gañar o primeiro duelo (4-3), mentres que no segundo golearon á albiceleste por 6-0.
Ambos os partidos tiveron un marcado sabor conserveiro, pois a convocatoria de España incluía ás xogadoras do Poio Pescamar Luci, Martita, Sandra Buzón, que debutaba como internacional absoluta; e Ale de Paz, exxogadora rojilla e actual futbolista do Marín Futsal. Ademais, no bando arxentino foron citadas Agostina Chiesa e Julia Dupuy, aínda que esta última non puido participar finalmente.
No primeiro choque, España comezou adiantándose por 3-0 no marcador con goles de Vane Sotelo, Peque e Irene Córdoba. Reaccionou Arxentina para igualar o marcador cunha remontada iniciada pola conserveira Agostina Chiesa. Co partido empatado e conco minutos por diante, Pons apostou por un xogo de cinco que envorcou ao equipo español sobre a meta de Florentín, que nunha acción desafortunada introduciu o balón na súa propia portería ao desviar un pase de Vane Sotelo que significou o triunfo español.
Máis cómodo foi o segundo duelo, no que Sandra Buzón xogou o seu primeiro partido con España como titular, xa disputara uns minutos no primeiro cruzamento. A Selección saltou á cancha coa intención de dominar o xogo e xerar ocasións. O primeiro tanto tardou seis minutos en chegar, foi obra de Dany. Dez minutos máis tarde Irene Córdoba ampliou unha renda que se encargaron de incrementar no segundo tempo Irene Samper, Irene Córdoba, a gardameta Cris e Peque a porta baleira.
"Saio con moitas emocións e con ganas de máis. É unha carga emocional moi grande, sentín cousas que non sentín nunca no deporte: nervios, ilusión, emoción... todo xunto", declarou a gardameta do Poio Pescamar, Sandra Buzón, despois do seu primeiro partido coa Selección Española aos seus 26 anos. "Espero que isto só sexa o principio", concluíu con ambición.
Relacionadas:
-
A Selección de fútbol sala, campioa de Europa por terceira vez tras golear a Ucraína (1-5)
Por Redacción |
-
Luci, Ale de Paz e Silvia Aguete, do Poio Pescamar e Marín Futsal, disputan con España o Europeo de fútbol sala
Por Redacción |
-
Ale de Paz, Silvia e Luci, do Marín Futsal e Poio Pescamar, na prelista de España para o Campionato de Europa de Fútbol sala
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar rescata un empate no derbi contra o Amarelle (2-2)
Por Redacción |
-
Cinco xogadoras do Poio Pescamar disputarán o dobre amigable internacional entre España e Arxentina
Por Manu Otero |