Irene Trabazo e Manuel Parada reinan no Campionato de Galicia 3H Resistencia en Lousame
A elite Irene Trabazo (XSM) e o máster -30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras) lograron impoñerse entre os 300 participantes rexistrados na competición individual. A segunda edición do Campionato de Galicia 3H Resistencia celebrado o pasado domingo repartiu un total de quince coroas, poñéndose en xogo por primeira vez nesta modalidade autonómica títulos por parellas.
O primeiro posto na categoría mixta de parellas obtívoo Yago Fernández do club Bici Verde con Rebeca Muñoz, que xunto ao triunfo individual de Manuel Parada e o segundo posto de José Manuel Gómez en máster-50 masculino, lograron un total de tres podios para o Xesteiras Club de Montaña, motivo polo que o alcalde de Cuntis Manuel Campos quixo felicitalos.
O anfitrión da proba foi o Club BTT O Treito, que contou cun bo clima para o desenvolvemento da proba nun circuíto de case seis quilómetros dividido en tres partes: unha subida inicial, unha rápida baixada e un sector chairo nun single track á beira do río, todos eles dunha lonxitude similar.
En canto á proba individual, Manuel Parada liderou a clasificación dando dez voltas ao circuíto nun tempo de 2 horas, 47 minutos e 36 segundos. O biker de Aguiño superou en 4´39´´ a Rubén Quintáns (Fundefrenos) e en 17´´ a Fernando Díaz (Narón). Por detrás quedaron Samuel González (Máis Que Bicis), Diego Álvarez (V Bike) e Yago Fernández (Etxol), cuarto, quinto e sexto clasificados respectivamente.
Francisco Agrafojo (Cambre) conquistou o título Junior tras vencer a Martín Sestelo (Avanza-O Porriño). O máster-50 foi para Antonio Rodríguez (Ourense Termal) e Manuel Dorrio (Cambre) alzouse co primeiro posto na categoría de máster-60.
Na categoría feminina a marinense Irene Trabazo estreouse con vitoria na súa primeira proba de 3H Resistencia da tempada, vencendo á campioa elite 2022 Eva Ortega (Extol). A capitá do XSM deus 8 voltas ao circuíto, as mesmas que Eva Ortega, pero empregando 55 segundos menos ca sua rival.
Sofía Alvarez (Cambre) foi a terceira clasificada alzándose como gañadora sub23, seguida na clasificación xeral por Desiree Fernández (Ribadumia) e por Sofía Da Silva (Etxol). En sexta posición quedou Mirian Iglesias (Media Ducia), campioa en master-40. María del Carmen Armada (Farto) logrou o primeiro posto master-50 e Lara Fuentes levou o título na categoría Junior.
A modalidade por parellas, incluída por primeira vez na lista de categorías oficiais nesta proba, tivo como campións masculinos á parella formada por Uxío Canosa e Pablo Rodríguez. O título mixto foi para Rebeca Muñoz e Yago Fernández, e na categoría feminina alzáronse como triunfadoras Sheila Sánchez e Verónica González.
A entrega de premios contou coa representación da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; o concelleiro de Deportes Jesús Martínez; Manuel Sestayo, presidente do club BTT O Treito e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG.