O presidente do RC Celta inaugura unhas xornadas sobre marketing deportivo no campus de Pontevedra
A Facultade de Comunicación de Pontevedra acollerá unha nova edición de Értek Conference os próximos días 1 e 2 de marzo en colaboración co RC Celta. Esta iniciativa creada por un grupo de estudantes da Universidade de Vigo no ano 2019 céntrase en traer cada ano a profesionais do sector do márketing e a publicidade á Facultade de Pontevedra.
Este ano celebrarán a súa cuarta edición centrando a temática no márketing deportivo, colaborando co RC Celta na realización destas conferencias que serán inauguradas polo presidente do club vigués Carlos Mouriño xunto á decana da Facultade de Comunicación Emma Torres. O evento enmárcase dentro dos actos polo centenario do club celeste.
O programa reúne oito conferencias e tres mesas redondas, nas que participarán unha quincena de profesionais entre os que se atopan o director de comunicación, a directora corporativa ou o director comercial do Celta e a coordinadora de embaixadores e talentos de LaLiga. A entrada é gratuíta e será necesaria previa inscrición.
Os principais temas a tratar serán a xestión das redes sociais dunha entidade deportiva, a intelixencia artificial aplicada ao márketing ou o papel dos influencers neste sector. "O tema principal vai seguir sendo o márketing e, a raíz da colaboración co Celta, vaise centrar máis nas súas aplicacións no ámbito deportivo", explica Sara Piñeiro, unha das estudantes promotoras destas xornadas.
As conferencias comezarán este mércores 1 de marzo no salón de actos da Facultade co director de comunicación e contidos do RC Celta Marco Rocha. Tras a súa intervención realizarase unha mesa redonda sobre o papel de TikTok e Twich no márketing deportivo. Tamén na mañá do mércores terá lugar unha mesa titulada Construír brand lovers no mundo deportivo.
Na tarde do mércores haberá unha terceira mesa centrada no futuro do deporte xunto a unha conferencia de Fran Carrasco, responsable da axencia MolcaWorld; un relatorio do fundador de O Marisquiño Carlos Domínguez e a intervención do CEO de Galicia Sports 360 Marián Mouriño, que presentará un proxecto que abarca desde a cultura, o lecer e o turismo deportivo, ata a investigación e a medicina deportiva.
Catro conferencias completarán a programación deste evento na mañá do xoves 2 de marzo. A primeira será da coordinadora de embaixadores e talentos de LaLiga Juliana Francini, seguida do director de arte na axencia Bap & Conde Emmanuel Novo, que falará acerca das aplicacións da intelixencia artificial no márketing.
Para acabar, a directora corporativa do RC Celta María José Herbón fará un relatorio titulado RSC e liderado. A cuarta edición de Értek Conference pecharase coa intervención de Andrés Weiss, redactor e xestor das redes sociais de La Media Inglesa, que falará das claves do éxito das redes sociais dos clubs deportivos.