Os problemas físicos complican a preparación do Teucro
Por Diego Espiño
Soan as alarmas na Sociedade Deportiva Teucro por culpa dos problemas físicos dos seus xogadores. Nos primeiros días de semana Javier Barrios tan só puido contar con nove integrantes do primeiro plantel nas sesións preparatorias. O resto do equipo exercitouse á marxe a cargo do fisioterapeuta do equipo.
O adestrador teucrista deu día de descanso este mércores aos seus en busca de recuperar efectivos de cara ao importante partido do sábado ante o Barakaldo (20:00 horas no Pavillón Municipal), onde os pontevedreses buscarán unha vitoria reparadora ante un rival directo que lles permita abandonar os postos baixos da División de Honra Prata de balonmán.
Á baixa segura de Carlos García, que non reaparecerá polo menos ata o mes de xaneiro tras a súa operación no ombro, parece que se unirá César Armán, que tampouco se recuperou dos problemas que arrastra dende hai varias semanas.
O que si podería chegar a tempo é Borja Pedreira. O central segue sen adestrar debido á lesión de nocello que xa lle impediu viaxar a Pozoblanco, pero dende o club confían en que poida xogar o sábado.
Menos complicacións se espera que teñan Siscu e o capitán Toño Fernández, ambos os dous con molestias, e Alejandro Pombo, afectado de gripe e que tampouco participou na última sesión.
Así pois Javier Barrios, se todo empeza a mellorar, contará con só dous adestramentos para perfilar o encontro ante o Barakaldo. O técnico teucrista aínda non puido contar con todo o plantel dende o comezo da competición oficial.