O exgranate Martín Diz atopa acomodo no Arosa e Cacharrón asina polo Unionistas
Por Manu Otero
Os xogadores que abandonaron este verán a disciplina granate van atopando acomodo. Se Soto fichou polo Compostela e Brais Abelenda, pola Ponferradina; agora é Martín Diz o que inicia unha nova aventura. O atacante regresa á súa casa para formar parte do plantel do Arosa.
Alí atoparase con excompañeros seus no Pontevedra como Iñaki Martínez ou Santi Figueroa cos que tratará de buscar o ascenso a Segunda Federación baixo as ordes do adestrador que o fixo debutar en Segunda B coa camiseta granate, Luisito.
"Son de aquí, de Vilagarcía, e aquí teño á miña familia e amigos", declarou o futbolista formado nas categorías inferiores do Arosa despois de asinar o seu contrato. Sendo aínda un neno, foi recrutado polo Celta e da Madroa deu o salto á canteira do Pontevedra. Formou parte do primeiro equipo granate durante as catro últimas tempadas, nas que disputou máis de 60 partidos e anotou tres goles, os dous últimos o pasado curso en Primeira Federación.
"Son un xogador rápido ao que lle gusta ter ou balón. Podo xogar tanto por banda como por dentro", defínese un Martín Diz que non dubidou á hora de aceptar a oferta. "É un equipo punteiro dá categoría, cando souben que había esta posibilidade non mirei outras opcións", rematou.
Só unhas horas máis tarde, Unionistas de Salamanca facía oficial a incorporación doutro exgranate, o porteiro Pablo Cacharrón. O bo rendemento do garamallas lucense, que non foi suficiente para evitar o descenso do Pontevedra a Segunda Federación, captou a atención de equipos de Primeira Federación.
Con todo, foi o proxecto de Unionistas, que leva anos en crecemento e o pasado curso quedou ás portas de meterse en playoff, o que convenceu ao porteiro que defendeu a portería de Pasarón durante as dúas últimas tempadas.
Relacionadas:
-
O Arosa volve ao traballo co ascenso a Segunda Federación en mente
Por Manu Otero |
-
Esta é a camiseta coa que xogará o Arosa a próxima tempada
Por Redacción |
-
O Arosa mantén os prezos dos carnés para a nova tempada
Por Redacción |
-
O Pontevedra xogará un amigable contra o Racing de Ferrol o 29 de xullo
Por Redacción |
-
O Pontevedra confirma a baixa de doce futbolistas do primeiro equipo
Por Manu Otero |
-
Martín Diz: "A nivel persoal estou contento, pero quero ao club e dóeme. O Pontevedra ten que estar máis arriba"
Por Manu Otero |