O Arosa mantén os prezos dos abonos para o seu novo intento polo ascenso
Por Redacción
O Arosa SC puxo en marcha este mércores a súa nova campaña de abonados na que o club vilagarcián mantén os mesmos prezos que na tempada anterior.
Os prezos para facerse socio do equipo, que volve marcarse como obxectivo o ascenso a Segunda Federación, oscilan entre os 90 e os 5 euros en función da idade do titular. Ademais, haberá descontos para empresas e pensionistas.
Os abonados de Tribuna terán que pagar 90 euros polo pase de tempada (xubilados, 75 euros), mentres que os de Preferencia desembolsarán 75 euros (xubilados, 60 euros). Ademais, o carné especial terá un custo de 150 euros.
Doutra banda, a directiva aprobou tamén descontos para diversos grupos de idade. Así, os menores de 30 anos só terán que pagar 60 euros, os menores de 18, 20 euros; e os menores de 12, 5 euros.
Para as empresas que desexen colaborar co club, tamén teñen dispoñible unha oferta de 3 carnés por 270 euros.
Estes pases dan dereito tamén a acceder de forma gratuíta aos partidos do xuvenil A.