O sétimo Salta na Rúa xuntará en Pontevedra os mellores saltadores galegos da historia
Por Alejandro Espiño
Achegar ao contexto urbano tres disciplinas de saltos: lonxitude, triplo salto e salto con pértega. Ese é o obxectivo de Salta na Rúa, unha actividade organizada pola Sociedad Gimnástica de Pontevedra, que celebrará este sábado 26 de agosto a súa sétima edición.
O evento volverá a encher de atletismo a Praza da Ferrería, a partir das sete e media da tarde, e contará como padriños "cos tres mellores saltadores da nosa historia", segundo explicou o seu organizador, o adestrador Santi Ferrer.
Estarán Jean Marie Okutu, Luís Fernando Moro e José Alfonso Palomanes, mentres que no eido feminino estará Andrea Villaverde, finalista nos campionatos de España sub-23. "É un orgullo contar con eles e a xente poderá velos competir en directo", asegurou Ferrer.
Salta na Rúa busca aproveitar as características que brinda a cidade de Pontevedra para a organización de eventos deportivos e amosar e promocionar o atletismo entre a veciñanza e os visitantes que estes días pasean pola Boa Vila.
"É unha forma de levar o deporte ata a rúa e que a xente poida ver o que se fai no atletismo, que históricamente está máis asociado a correr pero hai outras moitas cousas como son as especialidades de salto", indicou o organizador desta actividade.
O concelleiro Xaquín Moreda destacou na presentación que esta é unha cita única "realmente espectacular", que tamén reivindica o espazo público para acoller calquera tipo de actividade.
Estas actividades, segundo Moreda, "fomentan o deporte a todos os niveis", de aí que subliñara o "compromiso firme" do Concello á hora de colaborar coa súa organización.