Presentada a etapa pontevedresa da Volta Galicia: "A selección vaise facer no Lago de Castiñeiras"
Por Diego Espiño
Un total de 18 equipos, 8 deles galegos entre os que se atopa o Froiz pontevedrés, cun total de 112 ciclistas pelexarán este ano por facerse coa XXI Volta a Galicia Elite e Sub-23.
Pontevedra acollerá a xornada decisiva da rolda, coa súa cuarta e última etapa, o vindeiro domingo 17 de setembro nun percorrido que foi presentado oficialmente este martes.
"Calquera punto pode ser decisivo", avanza o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.
Serán finalmente un total de 126,5 os quilómetros que percorrerá o pelotón desde que parta ás 10.00 horas da mañá desde da Praza de España de Pontevedra, punto tamén de meta. Por medio a caravana de corredores dirixirase pola costa a través da PO-308 ata A Lanzada, entrando no interior da comarca cara a Dena para pasar despois por Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Soutomaior, Arcade e Marín antes de afrontar o seu desenlace de novo no centro da cidade. Todo iso con tres ascensións puntuables como o alto de Pe da Moa (3ªcategoría), o Lago de Castiñeiras (2ª) e O Pituco (3ª), a menos de 10 quilómetros do final.
"A selección vaise facer no Lago de Castiñeiras", defende o presidente federativo, que estivo acompañado na presentación polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
A Volta Galicia 2023 dará comezo o xoves 14 de setembro en Pobra de Brollón, onde se disputará unha contrarreloxo individual de 6,7 quilómetros. O municipio lugués acollerá ademais a segunda xornada cunha etapa en liña de 148 quilómetros. Pola súa banda a terceira etapa, de 131,3 quilómetros, terá saída e meta en Pobra de Trives, na contorna da estación ourensá de Manzaneda.
Relacionadas:
-
Pontevedra coroa a Nacho Cavia nunha Volta a Galicia que gañou Martín Rey
Por Almu Dapena |
-
Dúas probas deportivas obrigan a restrinxir o tráfico na contorna do Lérez durante a fin de semana
Por Redacción |
-
A Fracha recupera a súa competición de descenso BTT
Por Redacción |
-
Marín concede preto de 22.000 euros en axudas ás ONG
Por Redacción |
-
Pontevedra acollerá a última etapa da Volta Ciclista a Galicia 2023
Por Diego Espiño |