Alfonso Ventín, gran dominador da sexta edición do RallyMix Cuntis Vila Termal

© Cristina Saiz

© Cristina Saiz
O RallyMix Cuntis Vila Termal celebrou esta fin de semana unha sexta edición na que se impuxo Alfonso Ventín, un dos favoritos para facerse co triunfo. A segunda posición foi para o incombustible Javier Ramilo e a terceira para Sergio Fernández.
A competición arrincou o sábado ás 11:30 horas coa primeira manga, que dominou o de Cotobade (Yacarcross) cun tempo de 10:09.435. Por detrás del, Ramilo (Yacarcross) asinou un segundo posto con case seis segundos por detrás, e Fernández (Speedcar Xtreem) foi terceiro a máis de dez segundos.
O podio da segunda carreira foi o mesmo que na anterior: Ventín foi o máis rápido cun tempo de 10:15.164, Ramilo chegou segundo a case tres segundos e Fernández completou os postos de podio a máis de catro.
Na terceira e última manga do sábado todo cambiou. Alfonso Ventín baixou o ritmo e foi superado por Javier e Sergio, primeiro e segundo respectivamente. Ramilo percorreu os case 14 quilómetros en 10:15.282, o segundo parou o cronómetro a +5.800 e o terceiro a +7.776.
Os tres primeiros postos da clasificación xeral non variaron ao finalizar o día. Ventín mantívose líder da xeral, pero seguido moi de preto por Ramilo, que reduciu diferenzas para colocarse a tan só un segundo del a falta das probas do domingo, e por Sergio Fernández, a máis de 12 segundos.
O RallyMix puxo o broche de ouro este domingo coas dúas últimas carreiras cronometradas. Na primeira delas, celebrada desde ben cedo, Abel Jurado asinou o mellor tempo (10:28.537), seguido de Alfonso Ventín a máis de 11 segundos e de Manuel Osorio a case 13. Mentres tanto, Javier Ramilo era décimo tras parar o cronómetro a máis de 36 segundos, e Sergio Fernández era 23 a máis dun minuto do primeiro.
O podio da xeral mantívose igual, pero os malos resultados de Ramilo e Fernández permitiron a Ventín ampliar a súa vantaxe para chegar á última manga cunha ampla renda de 26 segundos.
E continuou Alfonso impoñendo o seu ritmo para volver ser o máis rápido da manga e da sexta edición do RallyMix de Cuntis. Ventín fixo un tempo total de 51:51.110; Javier Ramilo, outro dos favoritos, fíxose coa segunda posición a +27.208; e Sergio Fernández completou o podio a +1:11.562.
Dentro da Clase B, primeiro triunfo da tempada para Francisco Dorado e Andrea Lamas, que amosaron a súa evolución na especialidade.
Dorado e Lamas loitaron durante toda a fin de semana con Manuel Osorio e Alberto dos Reis, que remataron fora da competición por unha saída. Desta forma, o segundo chanzo do podio foi para Diego Vila e Álex Sampayo, a 1:19 minutos e o terceiro para Jaime Pérez e Gonzalo Cardalda, a 1:46.
Dentro da Copa Pirelli K6, primeira posición para Omar López e Álvaro Cerqueiras, con Luis Caridad e Iván Bergondo, segundos, e Miguel Ángel Caeiro e Alejandro Hermida, na terceira plaza.
A seguinte proba puntuable para o Campionato Galego de Rallymix será en Barbadás a última fin de semana do mes de outubro. A cita ourensá será o epílogo da tempada de rallymix galego en 2023.
Imaxes da VI edición do RallyMix de Cuntis
Os amantes do motor gozaron durante esta fin de semana da VI edición do RallyMix de Cuntis, organizado pola Escudería Cuntis Vila Termal e o Concello de Cuntis
© Cristina Saiz
Relacionadas:
-
Javier Ramilo e Alfonso Ventín, favoritos para pelexar polo VI RallyMix Cuntis Vila Termal
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O RallyMix de Cuntis cumpre coa tradición e promociónase cun divertido spot: "Queres terra?"
Por Diego Espiño |
-
Luz verde da Federación a un calendario que inclúe sete rallys en chan pontevedrés
Por Redacción |
-
A comarca de Pontevedra será escenario de sete rallys ao longo do 2023
Por Manu Otero |
-
Roubos con final feliz no RallyMix Cuntis Vila Termal
Por Diego Espiño |