Jacobo rompe dous dedos da man e a súa volta ao Pontevedra complícase
Por Diego Espiño
Os contactos estaban avanzados e a súa volta a Pontevedra parecía próxima ao non entrar nos plans de Fredi no Compostela, pero nun día a situación de Jacobo cambiou radicalmente.
O futbolista, ante as baixas do seu equipo, saíu no once inicial este domingo en Avilés e tras unha xogada desafortunada, aos 45 minutos, tivo que retirarse lesionado.
"Fue una acción tonta, un mal apoyo y un choque con un contrario", recoñece Jacobo, que rompeu dous dedos da súa man dereita.
Aínda en Asturias se confirmaba o diagnóstico, volvendo a Galicia cunha escaiola que deberá levar durante un mes.
Esta situación complica a súa negociación cos granates, uns contactos que o xogador confirma e que "esta semana se iban a retomar, pero al estar así ahora ya no sé, lo más importante es recuperarme pronto".
Dende o club granate aínda non se dá por descartada a operación, pero o director deportivo, Milo Abelleira, recoñeceu as dúbidas que xorden na entidade ante unha baixa de máis dun mes a estas alturas de tempada.