O Medio Maratón de Pontevedra promete un trazado "competitivo e fermoso" pola cidade
Por Alejandro Espiño
Pontevedra celebrará este domingo 15 de outubro unha nova edición dunha das súas probas deportivas máis senlleiras, o Medio Maratón de Pontevedra, no que participarán máis dun milleiro de atletas, recuperando os niveis que se daban antes da pandemia.
A saída será ás 10:20 horas e os deportistas atravesarán un trazado que os organizadores definen como "competitivo e fermoso", xa que esta clásica carreira percorre distintos espazos da cidade, desde as beiras do Lérez ata todo seu centro histórico.
"Estamos orgullosos da nosa cidade e queremos ensinala cada vez que queiramos, mais que o percorrido da carreira atravese o centro non é só por iso, senón porque cremos que é a maneira de darlle visibilidade ao deporte", explicou a edil de Deportes, Anabel Gulías.
O director técnico da proba, Víctor Riobó, lembrou que o trazado da carreira principal, que ten de 21 quilómetros, partirá da ponte dos Tirantes cara a ponte de Santiago, pasando logo ao carón do Pazo da Cultura para logo chegar ao campus universitario.
Os corredores e corredoras volverán na mesma dirección para continuar pola avenida de Uruguay ata As Corbaceiras, retornando pola mesma avenida e entrando na cidade por Arcebispo Malvar, atravesando Michelena e baixando pola rúa Real cara a avenida de Uruguay e Bos Aires.
Despois de entrar na pista do CGTD, terán que saír cara a praia fluvial -sen chegar a ela- e por último deberán repetir o circuíto desde a ponte dos Tirantes.
Riobó destacou que esta proba deportiva, na que volverá a participar o atleta Reyes Estévez como padriño e competidor, busca sempre "que exista un equilibrio entre a comodidade do circuíto, a competición, a paisaxe e a posibilidade de facer marcas".
Ademais, destacou a presencia da proba 'Gran Fondo Kids', un trazado para os máis pequenos, cun carácter máis lúdico e menos competitivo.
Relacionadas:
-
Pablo Otero e Tina Fernández, gañadores dun Medio Maratón pasado por auga
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Medio Maratón de Pontevedra pecha inscricións con 1.336 atletas anotados
Por Redacción |
-
Reyes Estévez repite nun Medio Maratón que alcanza os 950 rexistrados
Por Redacción |
-
O Medio Maratón de Pontevedra supera os 800 rexistrados
Por Redacción |