Cada socio do Pontevedra poderá retirar dúas entradas a metade de prezo para o derbi ante o Arosa
Por Diego Espiño
Pontevedra e Arosa revivirán o domingo (16:30 horas) en Pasarón os enfrontamentos de rivalidade provincial nun encontro no que se prevé alcanzar unha boa entrada.
Para lograr o maior apoio posible dende as bancadas a directiva granate decidiu que cada socio da entidade poida retirar ata dúas entradas cun desconto do 50%, ao mesmo tempo que quixo animar os seus afeccionados ante un partido "que puede marcar nuestro futuro inmediato", segundo reza o comunicado do club lerezano.
A entidade granate quixo trasladar que "por encima de las diferencias está el club", ademais de asegurar que "ahora es el momento. El liderato y el ascenso son posibles".
Para dar maiores facilidades, e ante a esperada presenza de afeccionados de Vilagarcía, o Pontevedra habilitou a venda anticipada nas oficinas de Pasarón.
O prezo fixado para as entradas de público xeral será o habitual: 12 euros en Tribuna, 10 en Preferencia e 8 nos fondos.
O AROSA FACILITA UNHA VIAXE ORGANIZADA AOS SEUS AFECCIONADOS
Pola súa banda o Arosa decidiu poñer a disposición dos seus afeccionados un desprazamento en autobús gratuíto, no que os seguidores arlequinados só deberán aboar o prezo da entrada e que se pode reservar chamando ao teléfono 986 50 00 74.
Ademais dende o club vilagarciano anímase os seus simpatizantes a concentrarse na mesma zona do Estadio Municipal de Pasarón, concretamente na bancada de Preferencia na súa parte máis próxima ao Fondo Sur.