Aínda queda (moita) xente boa

11 de agosto 2025

Temos que ganarlle a "guerra cultural" á dereita e a extrema dereita cando comentan estas noticias que manexan a golpe de titular e logo multiplican nas redes xerando odio ao extranxeiro

Tomaba un refrixerio, por mor da calor. Ao meu carón, sentados nunha mesa, había catro mozos duns vinte anos. Falaban alto, rían, mentres cada un ía mirando o seu teléfono. Todos tiñan "pulserita" de bandeira. De repente un pega un berro e di: "Vito Quiles cuenta que unos bañistas detuvieron a la carrera a unos inmigrantes que llegaron a una playa, y escribe, ¡Honor a estos bañistas, muy bien hecho! Así se debería actuar en todas las playas cada vez que invasores traten de entrar ilegalmente para degradar España. Si el Estado no hace nada, lo hará el pueblo". Miraban para o que debía ser un vídeo e ríanse a gargalladas, un soltou: "mirar este parece Curtois parando un balón". Comezaron a soltar frases racistas. Optei por irme, era o máis sensato. Non ía ganar nada máis que un cabreo.

Ao saír do establecemento sentei na varanda da praia e púxenme a buscar nas redes o que estaban contado. Vin como o día anterior, domingo, na praia do Sotillo en Castell de Ferro (Granada) uns bañistas corrían entre antucas e toallas para perseguir, reducir e deter, de xeito moi violento a uns inmigrantes que acababan de baixar, cansos, dunha pateira. Pódese ver en moitos sitios como Youtube, FB, Instagram, etc. As imaxes impactan pero non tanto como se pode desprender dos titulares ou da manipulación das cousas como fai o pseudoperiodista e creador de odio Vito Quiles. Si que houbo algún bañista que se tirou aos pés dos inmigrantes, algún outro axudou a detelos e sobre unha imaxe que se ve a un bañista, que non era tal, encima dun inmigrante, segundo o periodista Fonsi Loaiza (@FonsiLoaiza) é un policía fóra de servizo ao que a xente lle está berrando "suelta al chiquillo". Para ser xustos debemos dicir que a inmensa maioría da xente non se sentiu sheriff por un día para deter inmigrantes, a maioría sentiuse solidaria. Cada un ao seu xeito. A maioría non fixo nada, acto que non deixa de ser solidario cando ves despregados, e correndo, pola praia axentes da Garda Civil e a Policía Local, tes medo prudente e ficas quieto. Os bañistas tamén eran persoas precarizadas que sofren os problemas da vivenda, da sanidade, dos baixos salarios que teñen que facer un gran esforzo de aforro para poder ir "un días" (cada vez menos polos elevados prezos) á praia ou de vacacións. Que non nos fagan crer que era unha loita dos pobres contra os máis pobres. O mellor, para que non nos manipulen e ver os vídeos con voz e escoitar o que din.

Alegroume, tamén, que o Concello emitise un comunicado, ao día seguinte dos feitos no que "mostra o seu compromiso ca convivencia pacífica, o respecto a todas as culturas e a defensa dos dereitos humanos. Entendemos que quen chega ás nosas costas fano empurrados pola desesperación, xogándose a vida en busca dun futuro mellor para si mesmos e as súas familias". Temos que ganarlle a "guerra cultural" á dereita e a extrema dereita cando comentan estas noticias que manexan a golpe de titular e logo multiplican nas redes xerando odio ao extranxeiro. Que non nos ganen o relato como quere facer o PP e Vox co tema de Jumilla negando a realidade dun acordo que non é outra cousa que xenofobia. Mentres tanto Feijóo calado, andando aos biosbardos, quen cala otorga. O triste é que o relato acaba instalándose en xente como os rapaces "fodechinchos" cos que comecei. Todo pode ir peor, segundo unha publicación de El Pais de onte (https://elpais.com/espana/2025-08-10/abascal-coge-fuerza-entre-obreros-y-parados-y-se-acerca-al-logro-de-le-pen.html ) Vox xa lidera a intención de voto, na enquisa do CIS, entre os desempregados, a metade dos grupos de asalariados máis humildes e os que se consideran pobres. Os galegos de emigración sabemos moito. De ir ilegais tamén, como foi meu bisavó Juan Caamaño, xunto con outra xente tamén de ilegal, para a Arxentina. Polo de agora aínda queda máis xente boa que mala. Que dure.