Aulas do século XIX, alumnado do XXI

16 de marzo 2026

Na era do acceso instantáneo á información, a escola debería ser o lugar onde se aprende a pensar con esa información, a contrastala, a cuestionala; non só a acumulala

Hai escenas que se repiten nas nosas aulas cunha normalidade inquietante. O alumnado memoriza lista de reis, afluentes de ríos e capitais de países que ás veces xa nin existen, mentres, no peto, leva un teléfono que contén máis información da que xamais caberá nun libro de texto. O sistema educativo actual sofre unha perigosa desconexión temporal.

O modelo que hoxe goberna a maioría das aulas -memorizar, repetir, aprobar o exame do venres, esquecer o luns naceu en plena Revolución Industrial. O seu propósito era claro e, naquel momento tiña unha lóxica impecable: formar traballadores disciplinados, funcionarios obedientes e cidadáns capaces de seguir instrucións sen facerse demasiadas preguntas. Durante case dous séculos, funcionou moi ben. O problema é que seguimos aplicándoo coma se o mundo non cambiase. Coma se o tempo, ao cruzar a porta do colexio, se detivese por decreto. Esquecémonos que, para cando queiran usar esa información, o mundo xa cambiaría de sistema operativo. É hora de deixar de formar empregados disciplinados para comezar a educar mentes críticas.

Non se trata de desprezar a memoria; sen ela non somos nada. O problema é a obsolescencia do método. A memoria segue sendo o andamio sobre o que se constrúe calquera pensamento complexo. A distinción que importa é outra: a diferenza entre memorizar para recuperar un dato e comprender para aplicalo nun contexto novo. Na era do acceso instantáneo á información, a escola debería ser o lugar onde se aprende a pensar con esa información, a contrastala, a cuestionala; non só a acumulala.

Nos nosos barrios, vemos como os comercios se adaptan ou morren, como a vida cambiou, pero cruzamos o limiar do colexio e o tempo detense. Ensinase a escribir con estruturas ríxidas do século XIX, ignorando que hoxe a comunicación é un podcast, unha infografía ou un vídeo de corenta segundos que pode mover multitudes.

O horizonte que se nos vén encima -a intelixencia artificial, a automatización masiva, un mercado laboral que cambia a unha velocidade sen precedentes- fai que esta neglixencia colectiva resulte xa insostible. É verdade que ninguén sabe con certeza que empregos existirán en 2045. Pero é moi certo que moitos dos traballos para os que hoxe preparamos á nosa mocidade desaparecerían antes de que terminen a súa formación.

O futuro pode ser unha ameaza moi real para o alumnado que hoxe sae dos centros educativos sen saber como distinguir unha noticia falsa dunha verdadeira.

É urxente apoiar ao profesorado, mellorar a súa formación e recoñecer o seu labor. Non podemos pedirlle que transforme a escola se non lle damos ferramentas nin respaldo. Pero, si debemos requirirlles, para que esta transformación non quede nun manifesto filosófico e baixe á terra e aos nosos colexios, que deben empezar a "hackear" o sistema desde o cotián. Non necesitamos esperar a unha lei orgánica que baixe do ceo; podemos empezar a cambiar a mirada hoxe mesmo.

Hai algo que a escola podería facer sen esperar a ningunha lei nin a ningún milagre orzamentario: traer á aula as noticias que circulan polos grupos de WhatsApp, as que se comparten nas redes, as que moldean o que a xente cre que é verdade, e desmenuzalas cos estudantes. Ensinar a contrastar unha fonte. Pasar da lista de reis á capacidade de detectar un rumbo, un dato fabricado, unha manipulación algoritmica. Iso tamén é saber. É, probablemente, o saber máis urxente. En definitiva, a escola debería servir de escudo contra as noticias falsas e ser un laboratorio de veracidade.

Cada curso que mantemos intacto o modelo é unha oportunidade perdida para miles de mozos. Non podemos seguir fabricando cidadáns para o pasado. A responsabilidade mínima que temos con quen hoxe enchen as nosas aulas é preparalos para un mundo incerto, complexo e esixente.