A mercadotecnia borra ao Estado

13 de enero 2026

Se a empresa é quen “me paga”, “me coida” ou “me garante”, para que necesito políticas públicas fortes? Se o meu benestar depende da marca que eu escollo, o debate colectivo sobra

Hai que recoñecerlles o talento. De súpeto, abres a aplicación do teu banco e asáltante con mensaxes dunha tenrura: "Este mes adiantámosche a túa pensión ao día 23", "Protexemos os teus aforros do mañá", " parabéns, tes un crédito pre-concedido de 10000 euros, esperándote". Así, sen rubor.

O banco non só informa, atribúese o xesto, o mérito e con esa xenerosidade de quen te convida a un café coa túa propia cafeteira. Coma se a pensión fose unha dádiva súa e non o resultado de décadas de cotización e dun sistema público de protección social. A linguaxe non é inocente, e quen controla o relato controla tamén a percepción da realidade.

Este tipo de comunicacións non busca enganar de forma basta, senón algo máis eficaz: reeducar mentalmente ao cidadán para que deixe de verse como suxeito de dereitos e empece a sentirse como cliente agradecido. O banco "abona", a empresa "garante", a compañía de seguros "coida de ti". O Estado, en cambio, desaparece do encadre, estorba ou simplemente bórrase.

O banco atribúese o mérito. Colócase o delantal da benevolencia e lánzache a pensión, esa que ti suaches durante décadas, como quen bota faragullas de pan ás pombas nun parque. Nós pagámosche, nós coidámoste, nós rescatámoste da intemperie. É unha operación de cirurxía estética sobre a linguaxe onde o Estado, ese armatoste invisible que garante o sistema público, foi borrado do mapa con Photoshop.

Esta lóxica non se limita ao sector financeiro. As aseguradoras "garántenche" a saúde, as eléctricas "ocúpanse" de que non che falte enerxía, as tecnolóxicas "fan posible" que te comuniques, e calquera empresa cun bo departamento de mercadotecnia "coida do teu benestar". O patrón é idéntico: apropiarse discursivamente de necesidades básicas e preséntanas como servizos concedidos, non como dereitos protexidos colectivamente.

Se a empresa é quen "me paga", "me coida" ou "me garante", para que necesito políticas públicas fortes? Se o meu benestar depende da marca que eu escollo, o debate colectivo sobra. O mercado substitúe ao contrato social e o cidadán convértese en consumidor de seguridade. Aquí está o truco de maxia; consiste en que deixes de ser un cidadán para converterte nun cliente agradecido.

Convén insistir en algo elemental: ningunha empresa garante dereitos. Os dereitos garántenos leis, institucións públicas e decisións colectivas. As empresas, no mellor dos casos, prestan servizos dentro dese marco; no peor, explótannos mentres invisibilizan a súa orixe.

Por iso é importante ler estas mensaxes con distancia crítica. Non para demonizar ás empresas, senón para pór cada cousa no seu sitio. O banco non paga pensións e o Estado non é un actor secundario, é o fundamental.

Estamos ante unha enxeñaría social de alta precisión. Se a empresa se apropia do relato dos nosos dereitos, o debate público vólvese innecesario, trátase nunha forma de manipulación silenciosa que nos vai limando a conciencia do común. O día en que logren que lles deamos as grazas por permitirnos respirar o seu aire, previo pago da comisión de mantemento, por suposto, gañarían definitivamente a partida.