A nosa amada estupidez

14 de febrero 2026

“A estupidez” está por todas partes. Volvémonos expertos olímpicos en esquivar a verdade. Se o noso líder mente descaradamente, chamámolo "estratexia comunicativa" e quedámonos tan anchos. Se o rival di unha verdade como un templo, despachámola como "manipulación populista"

Din que o universo é infinito, pero sospeito que o único verdadeiramente ilimitado é a estupidez humana. Non esa estupidez inocente do que tropeza cunha pedra, senón a bobada de alta gama: a que require anos de adestramento en fanatismo ideolóxico.

Vendéronnos a moto de que eramos o “Homo sapiens”, ese deseño de gama alta que coroa a evolución co brillo da lóxica. Era publicidade enganosa. En realidade, somos o Homo “teño razón porque o digo eu”, e a estupidez parece ser un estilo de vida, un exoesqueleto de titanio que nos protexe da terrible ameaza dos datos obxectivos.

Na vida social e política actual, esta cegueira alcanza niveis artísticos. Só escoitamos a quen nos dá a razón. Por exemplo, o da regularización de inmigrantes é para sentar e non levantarse. A traxicomedia entre a Conferencia Episcopal e certos sectores da dereita e ultradereita merece flocos de millo. O Partido Popular anda en plena contorsión circense: un día abrazan a xestión humanitaria, ao seguinte asústanse da súa propia sombra. Non saben si ser goberno ou ser oposición, e nese mareo, perden até o norte magnético.

Pero o verdadeiro espectáculo está no choque frontal entre Vox e a Conferencia Episcopal. De súpeto, os bispos, ese faro moral indiscutible para moitos, pasaron a ser "o inimigo" por lembrar algo tan básico como a caridade cristiá.

O máis sanguento é o paradoxo do votante católico de toda a vida. Eses que locen a palma o Domingo de Ramos pero que agora, protexidos polo anonimato das redes, cospen bilis contra os mesmos bispos que antes defendían a matar. A fe, ao parecer, só serve si coincide co algoritmo do seu muro de Facebook. Se o Evanxeo di algo incómodo, bórrase ao bispo e santas pascuas.

Observamos pois, por desgraza, que a nosa protagonista “a estupidez” está por todas partes. Volvémonos expertos olímpicos en esquivar a verdade. Se o noso líder mente descaradamente, chamámolo "estratexia comunicativa" e quedámonos tan anchos. Se o rival di unha verdade como un templo, despachámola como "manipulación populista".

As redes sociais perfeccionaron este rumbo, converténdoo en ciencia exacta. Aliméntannos co que queremos escoitar até transformarnos en hooligans dunha realidade que non existe.

Asómbrame —e lamento— a pasividade coa que aceptamos este teatro. Méxannos encima e dicimos que chove, sempre que quen sosteña o paraugas sexa dos nosos. Estamos tan ocupados defendendo as siglas duns señores que non saben nin como nos chamamos, que nos esquecemos de pensar por nós mesmos.

Xa abonda de ser o rabaño útil de quen viven de enfrontarnos. Ou empezamos a esixir coherencia e verdade, aínda que pique, ou terminaremos sendo os figurantes dun país que se divide mentres seguimos aplaudindo as mentiras do noso bando.