Campando e presumindo con imitacións

04 de agosto 2025

A partir dos noventa a cousa vai cambiando, comezan a aparecer as falsificacións e/ou imitacións. Os cambios son máis rápidos. Aparecen os que nos ensinan o que é o luxo

Cambiou o xeito de campar, presumimos doutro xeito. A todos nos gusta campar e ser gustados. De pequenos, na miña infancia, só estreábamos roupa o día da festa. Os nenos pantalón de tergal e camisa, as nenas vestido con lazo traseiro, de patrón Burda. Era a nosa moda marcada polas costureiras da zona. Na adolescencia había que ir estirando a roupa que nos mercaban, era cara. Logo, aforrábamos durante tempo para mercar un pantalón vaqueiro, un niki, unhas gafas ou un disco. A partir dos noventa a cousa vai cambiando, comezan a aparecer as falsificacións e/ou imitacións. Os cambios son máis rápidos. Aparecen os que nos ensinan o que é o luxo. As, e os, primeiras influencers non foron as redes, foron os programas de televisión. O máis representativo do luxo foi "Sex and the City" ("Sexo en Nova York"). Os complementos eran tan importantes como as protagonistas. Non era "un bolso" ou uns "zapatos". Era un "Hermès" ou uns "Manolos". Convertéronos en obxectos de culto con nome e apelido. Na serie Carrie enfróntase a un ladrón para que non lle roubara o seu Baguette de Fendi, berráballe: "Non é un bolso. É un Baguette". As cousas van cambiando, tamén "Sex and the City". Samantha e Carrie van a un lugar no que se venden falsificacións no maleteiro dun coche. Sarah Jessica Parker recoñecerá, nun vídeo en Vogue, que o bolso azul de Hermès, que levaba na tempada 5ª, "era falso",(https://www.elperiodico.com/cuore/cuore_fashion/sarah-jessica-parker-confiesa-carrie-84284637).

A Xeración Zeta converteu en normal o que antes era inconcibible, segundo manifesta un estudo de The Business of Fashion, que di que os Zeta considérano un xeito de consumo aceptable (https://www.businessoffashion.com/articles/retail/bof-insights-chart-watch-gen-z-counterfeit-luxury-goods-fake/ ). Máis dun terzo xa as usaba ou estaba disposto a usar falsificacións. Vexo como os "mercadillos", aquí e no norte de Portugal, se enchen de xente en busca de imitacións. Ás novas xeracións, na súa maioría, consideran que as imitacións substitúen aos produtos de luxo sen costar tanto, mesmo manifestan que seguirían cas imitacións aínda que puideran comprar orixinais. Nas redes vemos "influencers" que ganan cartos ensinando copias de baixo prezo. Si é máis barato que orixinal porque non o imos mercar? Logo campamos fachandeando para mostrarnos importantes.

Bolsos
Baguette de Fendi (1.700-6.000€) e Sarah Jessica Parker (Carrie) co falso Birkin de Hermès (orixinal máis de 20.000€) Collage de pantallazos de https://www.fendi.com/ e de x.com/VogueMexico, ANR.

 

A xente nova ten outro xeito de mercar que os que somos "boomers", outro xeito de valorar o luxo. Mercaron, e mercan, case sempre, en cadeas ou en tendas de moda de rápido consumo. Agora tamén por internet. Teñen outra idea do gasto, do consumo. Buscan boas imitacións nas paxinas de dupes (abreviatura de duplicate = duplicado) como #fashiondupes , #dupemakeup ou #dupeperfume, e outras que buscan en Google. Mais todo isto temos que velo no contexto dunha situación económica na que xuventude non mellora as súas perspectivas desde fai tempo (moito). Máis preparados ganando cada vez menos. Non se dan emancipado. Viviron sempre nun mundo de consumo levados polos pais. Viven entre crises e inflacións. Que o desfruten, que campen ao seu xeito, aínda que sexa con imitacións, tal e como imos é o pouco que lles queda.