Fai 201 anos, pero tamén fai unhas semanas: Beethoven sempre connosco

11 de mayo 2025

Lembro como naquel 7 de maio do 2024, o canal público emitía unha das preseleccións para Eurovisión mentres Beethoven soaba na sala dourada do Musikverein e seguramente nas salas de moitos fogares europeos

Este pasado mércores, cumpríronse 201 anos de que no "Kärntnertortheater" (Teatro da Porta de Carintia) de Viena, tamén chamado "Kaiserliches und Königliches Hoftheater zu Wien", se producira o suceso máis importante da cultura Occidental con maiúsculas: o estreo da novena de Beethoven, o cume desa Cultura Occidental. Xa o ano pasado, co gallo desa efeméride, fixera unha colaboración neste medio, non vou repetir o mesmo. Só dicir que o canal de TV pública perdeu unha oportunidade de demostrar que aposta pola cultura de veras, cunha presenza absurda daquela efeméride, tan sequera na "2", que presume de asumir un papel máis cultural. Agora sabemos que están máis interesados os do canal público no "salseo" e o rescate do naufraxio do "Sálvame" de Tele 5. Sen comentarios... Lembro como naquel 7 de maio do 2024, o canal público emitía unha das preseleccións para Eurovisión mentres Beethoven soaba na sala dourada do Musikverein e seguramente nas salas de moitos fogares europeos onde si se emitiu ese concerto, en países cunha maior cultura musical. Pero se o comparamos co páramo español, calquera país europeo estaría por riba del, e non só as sagradas Austria e Alemaña; nas cales, ata hai uns vinte anos gardábanse as esencias europeas sendo relicarios da cultura occidental máis selecta e xenuína: a música de Beethoven, a literatura de Goethe e Mann, o pensamento de Schopenhauer. Pero hoxe todo é multiculturalismo, incluso naqueles lares, sendo Berlín a capital dese multiculturalismo de corte invasivo. Non son racista, como algún pode pensar, só penso que este multiculturalismo é unha falacia, xa que chaman "multiculturalismo" a cousas que non o son, como a batucada brasileira ou cantos africanos; son realidades culturais cunha clara procedencia xeográfica e cultural, non son "multiculturais". E asumilas como propias en aras dese multiculturalismo esquecéndose do noso, do xenuíno, postergándoo, é un erro. A pesar disto, a distancia respecto a España segue sendo moi ampla. España sempre estivo na última da cola en todo o bo e en cabeza en todo o malo.

Pero fai unhas semanas, no último, que non derradeiro, concerto da actual tempada da "Sociedad Filarmónica" de Pontevedra, puidemos gozar da "Real Filharmonía de Galicia" baixo a batuta de Jessica Cottis, cun programa no cal constaba, non a novena do xenio de Bonn, pero si a súa sétima sinfonía en La maior op.92. O que foi para min, alimento para o meu Geist, nuns intres moi dolorosos a nivel saúde e persoal. Desta sinfonía, destaco sobre todo o seu primeiro movemento, Poco sostenuto, e sobre todo cando inicia o Vivace co motivo iniciado pola traveseira que logo repite a orquestra con contundente acompañamento dos timbais. Pero o segundo dos movementos, o Allegretto, é sen dúbida un dos movementos sinfónicos preferidos meus. Un Allegretto que dende hai anos adoptei coma radiografía anímica, preguntándome como fora capaz Beethoven de compoñer aquilo sen coñecerme a min (desculpen o atrevemento). Daquela, cando o asumín así, fai máis de dezasete anos, cun Xerardo san e cheo de esperanzas, e coa súa nai viva e sa, sentía ao escoitar aquel movemento como que Beethoven estaba usando a miña esencia anímica como "chuleta" para a composición do Allegretto. Sentimento absurdo, pero a miña conexión co amigo Ludwig é así de fonda, tan fonda que chega ao surrealismo de crer que Beethoven estaba en comunicación comigo 162 anos antes de que eu nacera, tan lonxe (o meu pesar) de Viena.

A sétima sinfonía, foi composta entre outono do 1811 e o 13 de maio do 1812, e foi estreada o 8 de decembro do 1813 na Universitätsaal de Viena nun concerto benéfico para os soldados austríacos e bávaros que foran feridos na batalla de Hanau o 30 de outubro contra a Grande Armée de Bonaparte. Por certo, tamén considero a Bonaparte coma un gran amigo meu, chamádeme tolo.

Unha vez máis, xa o fixen varias veces, animo aos pontevedreses e pontevedresas namorados da música clásica, ou que sinxelamente teñan un bo sentido estético ante o triunfo manifesto do mal gusto, a que, senón o son, se fagan socios e socias da "Sociedad Filarmónica" de Pontevedra. Os seus espíritos agradecerállelo.

Hai sendas gravacións históricas desta sinfonía, como a de Arturo Toscanini coa New York Philharmonic Orchestra de 1936, a da Berliner Philharmoniker dirixida por Herbert von Karajan, ou as que solo escoito eu: a da Gewandhausorchester Leipzig dirixida por Kurt Masur, gravada no 1974 (ano no cal naceu quen escribe), ou a da Wiener Philharmoniker (que considero concidadá miña) dirixida por Christian Thielemann no 2008, que é a que estiven escoitando este pasado xoves como mandan os cánones dun beethoveniano ante tan distinguida efeméride, que son 201 anos!!!. Agardo que en vinte ou trinta anos, en Europa aínda existan beethovenianos, wagnerianos, e que os da miña xeración que loitamos a cotío para que isto non se afunda nun océano de posmodernismo de relativismo cultural e multiculturalismo, vexamos compensado o noso traballo vendo como as novas xeracións seguen lendo a Tolstói, a Mann, a Dumas, a Hugo, e escoitando aos meus amigos Beethoven, Schubert, Schumann e Brahms, que, por certo, esta semana estivo de "aniversario", tamén o mércores, o mesmo día dese 201 aniversario daquela revolución do espírito. De non ser así, o meu epitafio vai ser moi breve, lacónico pero elocuente: "Hic iacet Europa".

Kärntnertortheater
KärntnertortheaterCarl Wenzel Zajicek - dorotheum.com (dominio público)