Éme moi difícil entender o clima que se está organizando ao arredor da crise da vaga de lumes polo interese dunha persoa, Alberto Núñez Feijóo. Moitos tertulianos (urbanitas) diletantes dicindo parvadas de ignorancia atrevida. Demasiadas ocultacións de informacións sobre os lumes na TVG. Nuns chíos e X (antes Twiter) @paulapra2 métese con Ana Pontón e con Besteiro ou Pedro Sánchez. Non ten desperdicio, di: "Ana Pontón reaparece tras non interromper as súas vacacións para criticar sen mover un dedo" e "Mentres Galicia e España arden, Sánchez móllase... na piscina de La Mareta". A Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, nótaselle que é a herdeira en Galicia de Miguel Tellado, herdou a mala educación, a maldade, a provocación e o faltonismo. Cando todos pensábamos que o BNG, nun comportamento de responsabilidade, que só mostraba a solidariedade cas vítimas, cos veciños (de todo o Estado) e ca xente que traballaba na extinción, gardando a crítica e pedir responsabilidades para cando acabara o lume, e Besteiro andaba nunha liña parecida. Vai Paula Prado e intenta provocar para que entren no debate. Pregúntome cal é a necesidade de insultar a Ana Pontón ou Besteiro. Crispación, odio, provocación?. A resposta é fácil, modificar o relato para botarlle a culpa a Pedro Sánchez. E a Pontón por apoiar a investidura. Co paso dos días vexo aos dirixentes do PP máis preocupados en defender ese relato (mentireiro) que en apagar o lume.
E Rueda que? Rueda foxe e espalla culpas cando el é o responsable. A competencia é exclusiva da Xunta. O noso, cando xa ían moitas miles de hectáreas queimadas en Chandrexa de Queixa ía aos touros en Pontevedra xunto con M. Rajoy e Feijóo. Dicía que tíñamos o mellor equipo de loita contra incendios de Europa. Aos tres días pedía papas ao Goberno. Tocar as campás e estar na procesión non se pode. Apareceu Feijóo de turista de desgrazas. Paseos por Galicia e Castela e León. Fixo a foto e marcou a política oficial do PP: a culpa é de Pedro Sánchez, hai que pedir imposibles e logo dicir que non nolos dá.. Nun acto de irresponsabilidade nun vale todo con tal de acabar "co inimigo". O "que non é presidente porque non quere" sabe que cada vez que accedeu a gobernar foi a través da confrontación con mentiras espalladas por eles e pola prensa "amiga", así segue.
Rueda non defende Galicia, defende a política que marca o PP de Madrid. Cambiar o relato. Pedirlle ao Goberno o imposible. O que non está a altura é el e o PPdeG. O ineficaz é el. O mal xestor é el. Ao que non lle importa Galicia é a el. Cóllese a un mentireiro antes que a un coxo. Vemos como logo de esixirlle ao Goberno material e xente contra o lume soubemos que deixara de cubrir 200 prazas de persoal contra o lume. Que pedía camións que xa tiña, parados. Que había motobombas paradas. E a contradición máis grande pedía que soldados da Brilat foran apagar o lume, pola contra xustificou que bombeiros dos parques comarcais deran volta do lume para as súas sedes porque non tiñan preparación suficiente, cal é a preparación para loitar contra o lume dos soldados da Brilat?. Mentiras e máis mentiras. Responsabilidade ningunha. Agora xa o branqueará "prensa amiga", previo pago, e a TVG.
Rueda xunto con Mañueco, Moreno Bonilla e Ayuso mazonean e ventorrean. Puxérono de moda, como dixo Suárez-Quiñones, conselleiro de Medio Ambiente de Castela e León, "temos o malo costume de xantar", e non asumir responsabilidades no PP tamén é costume no PP. Conxugan os novo verbos de "mazonear" e "ventorrear". Comer, beber, desfrutar e chegar tarde, total eses verbos sempre se conxugan co mesmo suxeito: "Pedro Sánchez culpable". Agora, en Galicia, parece que queren engadir "Ana Pontón cómplice". Queren trasladar a polarización da política "lixo", e creadora de odio, de Madrid aquí.
Coda final. E, El Rei onde anda?. A Valencia tardou 5 días, aquí virá tarde, supoño que será porque ten moito traballo e cousas por resolver. Á pobre xente xa non lle quedan bágoas.