O pasado xoves a Consellería de Medio Rural anunciou a ampliación ata o ano 2030 da chamada "moratoria" ás novas plantacións de eucalipto en Galicia. Unha nova que, a primeira vista, podería parecer positiva.
Pero cando un rasca un pouco, entende que estamos diante dunha nova moratoria-trampa, un parche máis que non afronta o problema de fondo: a perda do noso territorio natural e o avance imparable dunha especie que está a transformar Galicia dun país verde e diverso nun monocultivo sen alma.
Levan anos advertíndoo científicos, ecoloxistas e mesmo moitos profesionais do sector forestal: o eucalipto ocupou xa o dobre do territorio que se proxectara para 2032 no Plan Forestal de 1992. É dicir, a planificación fracasou estrepitosamente. E mentres tanto, as fragas, os soutos e os carballos retroceden. As nosas paisaxes, esas que inspiraron xeracións enteiras, vanse enchendo dun verde uniforme que nin alimenta a biodiversidade nin sostén o rural galego a longo prazo.
A realidade é teimuda: a "moratoria" vixente desde 2021 non funcionou. Centos de novas hectáreas de eucalipto foron plantadas ilegalmente e a administración, en lugar de actuar con firmeza, mirou para outro lado. Agora anúnciase unha prórroga ata 2030, pero sen cambios de fondo, sen reforzar a vixilancia, sen ofrecer alternativas reais aos propietarios, sen apostar pola restauración forestal nin pola diversificación do monte galego.
Non se trata de demonizar ao eucalipto, pero si de poñelo no seu sitio. Galicia non pode depender dun só cultivo, nin permitir que o curto prazo económico destrúa o noso patrimonio natural. O eucalipto é rendible para uns poucos, pero o seu custo ambiental págamolo todos: incendios máis virulentos, solo empobrecido, ríos con menos auga e paisaxes cada vez máis iguais, máis tristes.
Como dicía Castelao, "se aínda somos galegos é por obra e graza do noso sentimento da paisaxe". Ese sentimento é o que estamos a perder entre plantacións sen control. Se deixamos que o eucalipto invada todo, deixaremos tamén de recoñecernos na nosa propia terra.
Se queremos unha Galicia como a de antes —chea de vida, con montes de verdade, con biodiversidade, con futuro— temos que traballar por ela. Iso implica planificación seria, apoio ao rural, control real das plantacións ilegais e aposta decidida pola recuperación das especies autóctonas. Implica tamén educación ambiental e unha nova cultura forestal, que vexa o monte non como un simple negocio, senón como un ben común.
Non podemos resignarnos a que Galicia perda a súa identidade entre eucaliptos. Somos un pobo que ama a súa terra, e esa terra merece máis ca promesas baleiras e moratorias de papel. O futuro está nas nosas mans: defendamos os nosos montes.