Conto? de Samaín

21 de octubre 2025

"Atopan os restos calcinados dunha anciá na súa casa do bosque" Axencia Lying: Efectivos da policía científica investigan arestora a escea dun presunto crime: o forno da solitaria casiña de caramelo

O prestixioso xornal "Die Reine Wahrheit" amosaba, na sua portada un desacougante titular: "MACABRO SUCESO NA FRAGA MESTA"

Xa no interior, nas primeiras páxinas, desenrolábase a noticia máis polo miúdo con todo luxo de fotos, declaracións e as máis pintorescas hipótesis da parte de axentes do orde, funerarios, bombeiros, sanitarios, vecinhos e curiosos ante micros e cámaras de xornalistas desempenhando o seu labor social, ou sexa: estorbar o máis posible.

Na segunda di así: "Atopan os restos calcinados dunha anciá na súa casa do bosque" Axencia Lying: Efectivos da policía científica investigan arestora a escea dun presunto crime: o forno da solitaria casiña de caramelo que fica ilhada no medio da Fraga Espesa e que, ó parecer, continha os restos icinerados da súa propietaria. Logo, a pequena vivenda rematou por ser pasto das lapas en boa parte. Unha das hipótesis que se baralhaba era que a velha, medio cega, tropezara e caera entre as brasas. O xuíz instructor decretou o máis riguroso secreto de sumario.

A televisión emitía imaxes das ruínas fumegantes da casinha onde todo un inzo de xente que, a golpes de gorras ou periódicos, intentaban zafarse dunha nube de moscas, abelhas e abelhóns. Un garda visiblemente anoxado asomaba a carauta pola pantalha e, sen parar de arrear chapeirazos, decía: " Manda caralho! a quen se lhe ocorreu facer unha casa de lambetadas aquí no medio… ?"

No xornal do seguinte día podíase ler: "Detidos os irmáns Ánsel e Greta como presuntos asasinos da velha da Fraga Mesta.

Axencia Lying. Filtracións de fidedigna solvencia captadas por esta axencia apuntan cara os irmáns Ánsel e Greta como posibles autores da morte da velha da fraga. Parece ser que o móbil era o roubo das larpeiradas que componhían a casa. Seguiremos informando"

El chámase Ánsel (abreviatura de Anselmo) e ela Greta, que é sinónimo de lanha, fenda, reganha, etc. Ou sexa; que é mulher, por razóns máis que obvias. Viven xuntos, son filhos do seu pai e da súa nai pero non son irmáns.

Ánsel é filho de Hans Helmut, un lenhador que, motoserra en ristre, tronza eucaliptos para unha pasteira. Viuvou e casou de segundas con Mushi, máis preocupada polos enfeites que por coidar da súa filha Greta.

A tal Mushi ía para rica pero cagoulhe o can diante. Casara co veúvo Hans coidando que ganhaba unha manchea de cartos pero o home case non conseguía manter á familia, malia que trabalhara día e noite na fraga tronzando os eucaliptos pouco accesibles e arrastándoos co tractor para a estrada. Para as modernas áreas, plantadas a cordel e con bos accesos, a pasteira tinha unhas grandes máquinas colheitadoras. A Hans deixábanlhe os exemplares peor situados, os máis difíciles. Un trabalho de merda; escravo e mal pago.

Mishi quería cartos e tinha pouca pacencia. A miúdo rifaban forte. Ela díxolhe que, unha noite, ía pilhar a motoserra e deixaría o da matanza de Texas nun xogo de nenos e, que por casar con el, perdera a oportunidade de ser unha actriz famosa e outros delirios de grandeza. Cando a cousa subía de ton, os rapaces oían arrepiados, estas atrocidades desde os seus cuartos. Como cando ela dixo: " Manhá mesmo levas a estes dous a perder no bosque que o que gastamos en mantelos, boa falta me fai para as minhas cousas. O home non podía crer no que oía e negouse de cheo pero a Mishi, que era moi atrctiva por certo, non lhe custou moito convencelo á base se alouminhos e ameazas. E así, unha noite montounos no tractor e levounos un bo treito estrada abaixo. Logo metéronse a pé fraga adentro e, nun momento dado, Hans retirouse un pouco e díxolhes que o agardaran que ía facer de ventre. Non voltou, fuxiu e deixounos sós e perdidos no medio do bosque. O rapaz comezou a laiarse e ela consolouno como moi ben sabía e el deixoulhe facer. Dalgún xeito non se sentían hirmáns, como sempre lhes dixeran na casa. Si sentían unha forte atracción un polo outro e non precisamente amor fraternal. Alí mesmo deixaron que a lóxica e a natureza obraran acompanhadas polo murmulho do vento entre as folhas, as chispinhas dos lucecús e o frémito dunha coruxa ó lonxe.

Durmiron abrazados e acordaron ó raiar o día. O mozo retomou as lamentacións:

  • Nunca lograremos sair daquí Greta…que Deus nos asista! Nunca daremos co caminho de volta…
  • Mira que es cagainas meu. Lembras o longo colar de contas de plástico que me mercaches nunha rosquilheira na festa do Santo André ?
  • Lembro; pero non o levas posto…
  • Non o levo porque o desfixen para ir deixando as contas polo camiño e atopalo facilmente á volta, burrán.

Ánsel, aliviado, suspirou fondo e encheuna de bicos mentres daba grazas ó ceo por companheira tan intelixente.

- Vale, pero non te aproveites tío!

Non lhes custou moito seguir o regueiro de contas, acadar a estrada e chegar á casa en cousa dun par de horas. De caminho, Ánsel tirou as contas a unhas matogueiras por se o rexistraban na casa. Foron recibidos con moita sorpresa por parte de Hans e pouca alegría pola parte de Mishi.

Na noite seguinte repetiron a operación. Esta vez o pai levounos máis lonxe e Ánsel foi debulhando unha mazorga de milho e deixando os graos atrás. Outra vez o pai se escapuliu pero os mozos ficaron tranquilos sabedores de telo caminho marcado. Ánsel contaba dezasete anos e Greta, quince. Estaban ambos en idade de merecer e a noite aquela fixeron moitos méritos. Acordaron ó amencer, mais cando o mozo foi polos milheiros, non atopou nin un só.

- Non o entendo…úlos os graos ?

- Graos…? -preguntou Greta.

- Si, os graos que fun debulhando e deixando tras de nós -dixo Ánsel sorprendido.

- Pois non sei pero suponho que, entre os ratinhos de noite e os paxarinhos pola manhá, non deixarían ningún nin para a semente, lelo, apalermado, paspán, babeco…!

- Vale xa Greta, xa pilhei a indirecta.

Coa mesma puxéronse a dar voltas tentando sair daquela fronde pero canto máis caminhaban, máis se extraviaban. Chegaron a percorrer varias veces o mesmo lugar. Pasaron a manhán e boa parte da tarde caminhando pola arboreda interminable ata que…

Ata que nun claro da fraga atoparon unha cabana tan pequena como fermosa. Unha casa un tanto especial con vidros de azucre, telhas de caramelo, tixolos de mazapán, pedras de turrón. Unha feiticeira morada feita de larpeiradas. Unha delgada e lenta fita de fume azulado xurdía pola chimenea. Á vista de tan apetitoso lar, os mozos sentiron nuha grande fame. Greta petou na grosa folla de chocolate branco da porta e esta abriuse de vagar.

- Hola nenos, que é o que queredes ? -díxolhes unha venerable e sorrinte velhinha fanada e fraca toda vestida de negro- pasade, pasade para dentro a tomar algo e descansar que boa falta vos ha facer.

Os mozos non se fixeron agardar; pasaron,sentaron e comeron e beberon a fartar e nin tan siquera se decataron do enorme can mouro que soneaba baixo a lareira. Cando remataron, foron saíndo de vagar sen perder de vista á misteriosa senhora que lhes inspiraba ben pouca confianza, malia convidalos a cear. Ó verse fóra, correron batendo cos pés no cu se mirar atrás. Axinha oíron os berros e maldicións da velha:

- Alto ahí, desgrazados ! Así pagades a miña hospitalidade, serpes malignas !? -ó mesmo tempo acirrábalhe o can: -A por eles Ney !! ( houbo hai anos unha moda de porlhe ese nome ós cans. Non sabemos se como desprezo ou homenaxe do napoleónico mariscal Ney)

Aínda que xa estaban relativamente lonxe Ánsel tratou de ponher a salvo á moza. Axudouna a trepar a unha árbore empurrándoa polas nádegas,o que lhe provocou a dilatación instantánea de "salva sexa a parte", cousa que aproveitou Ney para pilhalo por aí e conducilo cara a cabana. Ánsel deixouse ir sen protestar…que outra cousa podería facer ?

- E ti baixa daí ou ordéolhe a Ney que cape ó teu companheiro! -ante tal ameaza, Greta baixou axinha. Só faltaba que o seu Ánsel ficase eunuco.

Cando baixou, a velha colheuna polo pelo coa garra esquerda e, coa destra, amarraba un enorme coitelo e ameazaba con cortarlhe o pasacodias. Tinha unha forza endianhada coma tódolos tolos. Cando entraron, Ney mantinha inmovilizado a Ansel e a bruxa prendeu a Greta polo pescozo cunha argola no extremo dunha cadea. Sen soltar o coitelo, ordeoulhe a Ney de introducir a Ánsel nunha rexa gaiola de ferro. Despois, lonxe do alcance dos rapaces, botouse a dormir.

Aquela noite pasárona sen pegar olho cos potentes ronquidos da velha bruxa. Nos días seguintes Greta foi obrigada a facer de criada: ía por auga, lenha, froitos do bosque obedecendo sen chistar pois estaba en xogo a vida de Ánsel. E falando de Ánsel, este limitábase e engordar dentro da gaiola; sedentarismo puro: comer, beber e…descomer. En canto engordou un pouco, a bruxa ordeou meterlhe o coitelo e cocelo con grelos e uns cachelos. A velha foi botarlhe un olho ó lume da lareira e Greta aproveitou para meterlhe un empurrón e guindala no medio das brasas. Logo conseguiu meterlhe a man no peto e sacarlhe as chaves con que abrir a gaiola maila argola do pescozo. Coa mesma, saíron os tres a todo correr (o can tamén pois, polo visto, a bruxa non lhe daba moi boa vida). A bruxa quedou atrás espernexando no medio das brasas, espalhando tizóns a arder á destra e á torta e incendiando a choupana polos catro costados. E acudiron bombeiros, policía, proteción civil, ambulancias e un rebumbio de xornalistas e fotógrafos de varios medios, entre eles o prestixioso Die Reine Wahrheit que publicou o seguinte:

"Última hora. Ánsel e Greta: un claro caso de lexítima defensa.

Axencia Lying. Os irmáns Ánsel e Greta foron postos en liberdade sen cargos polo xuíz que intrúe o caso. As declaracións dos mozos conduciron ó esclarecemento deste enigma, onde a supostamente venerable anciá era en realidade unha bruxa caníbal. A equipa forense da policía xudicial descubriu varios restos de nenos soterrados no xardín da velha asasina. O pai dos mozos foi privado da patria potestade por telos abandoado no bosque. Este vindeiro domingo, o alcalde imporalhes a medalha do mérito civil ós heroes xuvenís. O concelheiro de Eventos Lúdicos acordou instituir a recreación da queima da bruxa no Entroido dicindo, claro está, que se trataba dunha tradición moi antiga e tal que sei eu"

A noticia foi servida por Jacob Pilgrim e Wilhem Pilgrim, os irmáns Pilgrim que acadarían moita sona vivindo do conto.

En canto a Mushi, ela foi á pasteira por ver que lhe subiran o salario ó seu home pero alí conheceu a un enxenheiro e liáronse.