Romper o silencio

06 de noviembre 2025

O gran problema do acoso escolar é a pasividade da contorna. O medo, a indiferenza ou a falta de formación fan que os sinais de alarma pasen desapercibidos ata que xa é demasiado tarde

Nas últimas semanas, vímonos conmocionados por unha serie de casos de acoso escolar que reabriron o debate sobre a eficacia dos protocolos educativos e a falta de recursos para afrontalos. O suicidio da moza Sandra Peña en Sevilla, vítima de acoso, desatou unha onda de indignación e mobilizacións dos estudantes en máis de cincuenta cidades. Paralelamente, informes recentes da Fundación ANAR revelan que máis do 12 % do alumnado sofre bullying ou ciberacoso, mentres que o 94 % do profesorado carece de formación específica para detectalo. En Galicia, a Xunta no curso 2023-2024 activou 686 protocolos de acoso escolar que confirman que este é un problema moi serio que esixe unha resposta institucional inmediata e coordinada.

O certo é que as noticias se desvanecen rápido, pero a dor queda. O acoso escolar non é un problema de "malos" e "vítimas" illadas; é, fundamentalmente, un fracaso da educación emocional e cívica de toda a comunidade, especialmente dos responsables silenciosos: adultos e institucións.

A tese que sosteño é clara e urxente: o acoso persistirá mentres utilicemos para abordar este problema, unicamente, os protocolos reactivos e non asumamos que a solución require a implementación de programas proactivos de carácter obrigatorio en cada centro escolar e persoal educativo ben formado.

O acoso escolar non ocorre na escuridade, senón a plena luz do día. Vémolo, intuímolo, escoitámolo… e, demasiadas veces, calamos. Ese silencio —o dos compañeiros e das compañeiras, dos equipos docentes e as familias— é o verdadeiro cómplice do acoso e é necesario rompelo. Mentres os titulares se centran nos casos máis dramáticos, en miles de aulas repítese unha violencia cotiá, silenciosa e corrosiva, que destrúe a autoestima e a confianza de moitos nenos, nenas e adolescentes.

O gran problema do acoso escolar é a pasividade da contorna. O medo, a indiferenza ou a falta de formación fan que os sinais de alarma pasen desapercibidos ata que xa é demasiado tarde. E entón, actívase o protocolo, convócanse reunións, búscanse responsables… pero a ferida emocional xa está aberta. Actuar só cando o dano está feito é un erro que o sistema educativo repite con demasiada frecuencia.

A clave está en "previr, non só reaccionar". Durante anos entendeuse a convivencia escolar como unha cuestión disciplinaria, cando en realidade é un problema emocional e social. As normas non bastan si non se educa en empatía. Os castigos non serven si non se ensinan habilidades para xestionar o conflito. A verdadeira prevención implica formar aos equipos docentes, implicar ás familias e crear unha cultura de respecto que non deixe espazo para a humillación nin o illamento.

Os centros educativos deben ir máis aló do cumprimento formal de protocolos: necesitan proxectos de convivencia reais e formación continua de todo o persoal docente. Desgraciadamente nos centros actúase só cando se produce ou detecta un problema. Desde este "modelo reactivo" considérase, que a escola debe estar centrada na aprendizaxe académica clásica, e só se reaccióna cando xorden condutas que afectan á convivencia.

Con todo, traballar desde un "modelo preventivo" non é unha utopía, senón unha necesidade. Significa integrar a educación emocional no currículo, formar titores capaces de detectar sinais temperáns e ofrecer ao alumnado espazos de confianza onde poidan falar e sentirse escoitados. Significa tamén recoñecer que a convivencia non se resolve con sancións, senón con acompañamento. Previr é ensinar a mirar ao outro con respecto, a pedir axuda sen medo.

Cando un profesor intervén ante unha burla, está a ensinar a toda a clase que o respecto non é negociable. Cando un compañeiro defende a quen sofre exclusión, está a construír cidadanía. Cando unha familia escoita, observa e colabora coa escola, está a salvar moito máis que unha relación escolar: está a protexer unha vida.

No seu lugar, seguimos valorando os resultados académicos por encima do benestar emocional. Medimos o éxito polas notas, non pola convivencia. E así, cada curso, convertemos ás vítimas en estatísticas e aos agresores en expedientes disciplinarios. Detrás de cada número hai unha historia de medo, de soidade e de silencio.

Falar de acoso escolar é falar de responsabilidade colectiva. Porque, aínda que o agresor sexa un, quen o permiten somos todos. A indiferenza social é un pacto tácito que lexitima a violencia. Romper ese pacto reclama coraxe moral e compromiso cívico. Esixe mirar de fronte o problema e actuar antes de que sexa demasiado tarde.

O silencio é cómodo, pero letal. Rompelo é un deber moral. Ningunha sociedade que se considere xusta pode permitirse mirar cara a outro lado neste tema.