A memoria colectiva aínda lembra aquel cambio radical que supuxo a Lei Antitabaco. Da noite para a mañá, os bares e restaurantes, antes envolvidos nunha nube de fume, transformáronse en espazos respirables e o que antes era aceptado —e mesmo promovido— como costume, pasou a percibirse como unha agresión ao benestar común. Foi unha verdadeira revolución social, comparable a outras grandes transformacións que redefiniron como convivimos e usamos os nosos espazos compartidos. Esta lei non só protexeu a saúde dos fumadores pasivos, senón que sentou un precedente claro: a saúde colectiva pode e debe prevalecer sobre certos hábitos individuais.
Este cambio non estivo exento de controversias. Lembro as resistencias do sector hostaleiro local, as queixas dalgúns fumadores que se sentían "perseguidos" e as sutís presións das grandes compañías tabaqueiras. Con todo, o apoio social foi abafador, demostrando que, cando se trata de benestar común, a nosa comunidade sabe unirse. Hoxe, ese avance é un éxito recoñecido internacionalmente.
Ese proceso ensínanos algo importante: as grandes transicións sociais comezan cunha toma de conciencia colectiva, canalízanse a través de movementos cidadáns e culminan en políticas públicas que modifican comportamentos.
É hora de aplicar esa mesma lóxica ao ruído, menos ruído vai significar máis benestar. Por que non enfrontamos coa mesma determinación a esta agresión constante ao noso benestar: o ruído excesivo? Do mesmo xeito que o fume, o ruído imponse a terceiros sen o seu consentimento. É unha intromisión constante, unha taladradora incesante nos nosos oídos e na nosa calidade de vida.
Afecta a un de cada cinco europeos, con impactos cardiovasculares e trastornos do soño ou cognitivos similares aos da contaminación atmosférica. De feito, a Unión Europea xa puxo o foco niso, co obxectivo de reducir nun 30% a poboación exposta a ruído antes de 2030, dentro do seu Plan de Acción Contaminación Cero. É evidente que o seu recoñecemento como un problema de saúde pública, é o motor que debe impulsar o cambio normativo, tal como sucedeu co tabaco.
Neste contexto, quero pór o foco nun problema que nos toca moi de cerca: a contaminación acústica provocada pola autoestrada ao seu paso por Pontevedra. Non se trata dunha molestia menor, senón dunha intromisión permanente na vida cotiá de centos de veciños. O ruído constante da AP-9 é unha banda sonora indeseada que interrompe o descanso e o goce da nosa contorna. Non é xusto que a nosa calidade de vida se vexa mermada por unha infraestrutura que, aínda que é necesaria, debe convivir de forma respectuosa coa cidadanía.
A responsabilidade de mitigar este impacto recae, en gran medida, na concesionaria da autoestrada. A lexislación española, en liña con directivas europeas, é moi clara respecto diso. As empresas concesionarias están obrigadas a realizar mapas estratéxicos de ruído cada cinco anos e publicalos, identificar as zonas con niveis superiores aos permitidos (como os 55 dB pola noite) e, o máis importante, desenvolver e executar plans de acción concretos para evitalos. Estes plans deben incluír medidas efectivas sobre a propia infraestrutura, como a instalación de barreiras acústicas ou o uso de pavimentos fonoabsorbentes. Onde están estas medidas na nosa cidade? Son seica invisibles?
Pero tamén hai marxe de actuación por parte doutras administracións. As autoridades urbanísticas municipais e autonómicas teñen a potestade de establecer normativas que promovan a mellora do illamento acústico en edificios próximos á autoestrada. Mesmo se poden crear barreiras vexetais densas que, ademais de reducir o ruído, embelezan a paisaxe urbana.
En definitiva, lograr unha Pontevedra máis silenciosa e habitable, non vai ser froito da casualidade, require un esforzo conxunto. É a combinación das obrigacións legais, a vontade política e a participación cidadá, a través de movementos e asociacións veciñais, o que nos permitirá silenciar este problema.
Como veciño de Pontevedra, e como membro desa "especie en extinción" que aínda cre ter dereito a vivir sen que lle tradeen os tímpanos, esixo o que a calquera ser civilizado se lle debería conceder: un pouco de paz auditiva.