Tatuaxes

01 de septiembre 2025

Andrés Núñez Rajoy escribe "Teño un amigo que fai tatuaxes. Ten un salón de "tattoo". Pregunteille cal é o motivo das tatuaxes, porque se tatúa a xente. Díxome que hai tantas explicacións como xente tatuada"

Ven primavera, logo o verán. Co cambio climático aumenta a calor. Ímonos espindo á medida que aumentan os días. Mudamos os xerseis, suadoiros, cazadoras, saias longas e pantalóns por camisetas de manga curta, camisetas de tiras, minisaias, pantalóns curtos ou bermudas. Cas primeiras exposicións van aparecendo as pencas nas peles aínda sen coller a cor do moreno tostado. Neses brazos, nesas pernas tamén vemos tatuaxes. Marcas que no inverno estiveron agochadas baixo a roupa.

Tatuaxe
Foto da exposición "Tattoo, Arte bajo la piel". Caixa Forum Madrid. 2021-2022. Andrés Núñez Rajoy

 

Miramos cara atrás uns cantos anos, vemos que as tatuaxes eran unha cousa rara. Pouca xente as levaba. Agora mirámolo como unha cousa normal. Tamén se ve a evolución en quen, e como, leva as tatuaxes. A práctica de tatuar deu lugar a intercambios entre países, culturas e sociedades, hoxe é un fenómeno global que tamén podemos encadrar como creación artística. Hai persoas que deciden tatuase para lembrar unha data, un evento, un vínculo, unha crenza, outras, sinxelamente, fano por estética. Eu non teño tatuaxes, non por prexuízo, non me importaría facer unha tatuaxe, senón por medo ás agullas, sempre me deron rexeitamento. Pásoo mal cando fago a analítica anual. Aínda así e todo, na miña adolescencia influída polas lecturas de Robert L. Stevenson, Jules Verne, Mark Twain, R. Kipling ou Jack London sempre quixen atravesar o Ecuador en veleiro e logo poñerme un pendente de aro na orella dereita e facer unha tatuaxe dunha roda de temón no bíceps esquerdo. Nunca pasei o Ecuador.

Teño un amigo que fai tatuaxes. Ten un salón de "tattoo". Pregunteille cal é o motivo das tatuaxes, porque se tatúa a xente. Díxome que hai tantas explicacións como xente tatuada. "Fixen tatuaxes en partes do corpo que nin te imaxinas" ― díxome ― "Os motivos para tatuarse son distintos, van desde os que gravan lembranzas, como a cara dos fillos, ata os que o fan para demostrar que membros dun grupo social, hai de todo, unha cousa da que falo ca xente que tatúo, porque mo preguntan, é do sitio onde queren a tatuaxe, hainos que o teñen moi claro, uns quéreno en sitios ben visibles, para lucilo diante dos demais, queren que os demais reciban a mensaxe que con ese debuxo, a xeito de "xoia" no seu corpo son únicos, cada vez aumentan as tatuaxes nas pernas, outras prefiren a intimidade". "Un dos mitos é que quen se tatúa é xente extravertida, nada máis lonxe da realidade ―engade― máis da metade dos meus clientes e clientas son xente moi tímida". Como en todo da viña do Señor hai arrepentidos, aos que xa non lles gusta a tatuaxe que fixeron. Os motivos son do máis diverso, desde rupturas sentimentais ata novo gustos estéticos. Agora moitos salóns de "tattoo" tamén ofrecen servizos de eliminación de tatuaxes. Eu sigo sen atravesar o Ecuador en veleiro, aínda gardo esperanza de lucir un temón no bíceps esquerdo.