Unha vez máis, as grandes perdedoras: as mulleres

15 de diciembre 2025

As acusacións contra Tomé pareceron abrir a espita doutros sucesos, por chamarlles dalgún xeito, semellantes, por diversos puntos de España, todos dentro do mesmo partido e con características iguais

Se, nestes días, comento con alguén de fóra que son de Lugo, xa sei a pregunta que vai vir a continuación, e creo que non é preciso aclarar que no propio Lugo é o tema "estrela" de conversacións das tertulias, de barra de bar... porque, outra cousa non, pero se en algo destaca esta cidade é na paixón polo "salseo", que é, seica, como se lle denomina agora ao cotilleo de toda a vida. Tan só calan os afíns ao protagonista, e os poucos que ousan abrir a boca é para dicir aquilo de "a min que me rexistren".

Estou a referirme, como é doado deducir, ás acusacións de presuntos abusos sexuais dos que terían sido obxecto numerosas mulleres por parte do xa expresidente da Deputación, Xosé Tomé, nalgúns casos acompañados de ofertas de traballo, e das que o común dos cidadáns tivemos noticia a través dun programa de TV, malia que, segundo agora se di, de portas adentro do seu propio partido era "vox populi", e iso é o máis grave, se mire por onde se mire, pero máis aínda nun partido que se gaba de feminista, e de loitar a capa e espada polos dereitos das mulleres, da súa loita contra a violencia de xénero e que financia máis que xenerosamente a certos chiringuitos afíns que din compartir estes obxectivos.

Eu non coñezo a ese señor máis que de cruzalo pola rúa, polo que tan só é unha cara que me resulta familiar, pero si que é certo que, ao contrario do que sucede noutros casos, nunca nada escoitara sobre el, nin bo, nin malo, agás, iso si, que ninguén sabía o poder que ten na cidade, que é, polo visto, desmedido. Vaia, o que vén sendo o caciquismo de toda a vida, e si que é verdade que observando as "amizades" que cultiva, e como lles solta miles e máis miles de euros, é moi doado de crer, pero nada raro en Lugo, xa que, duns anos a esta parte retrocedemos a aquilo de "Vde. non sabe con quen está a falar".

Sexa como sexa, quero dicir con isto que non tiña ningunha idea preconcibida del, e descoñezo por completo a identidade das mulleres que o acusan, máis aínda así, confeso que quedei totalmente abraiada e que non fun quen de erguerme do sofá ata que o programa rematou. Non daba creto!

Pero, por se isto non abondara, as acusacións contra Tomé pareceron abrir a espita doutros sucesos, por chamarlles dalgún xeito, semellantes, por diversos puntos de España, todos dentro do mesmo partido e con características iguais, por non dicir idénticas. É dicir, "machoman" noxento que, aproveitándose da súa posición de poder, ou non tan presuntamente, xa que algún mesmo se autoinculpou, agrede sexualmente a mulleres, ben sexa de xeito verbal, tocamentos, etc.

Obviamente, eu non sei a verdade do que sucedeu, nin no caso da miña cidade nin nas outras, pero si que hai algo que teño moi claro, e é que, por desgraza, por máis que se nos tente convencer do contrario, as mulleres seguimos a ser as grandes prexudicadas, e non se dubida, desde ningunha das cores políticas, en utilizarnos como ferramentas, como moeda de cambio, e como armas arroxadizas, pretendendo, iso si, disfrazalo de "feminismo", de "sororidade", e de loita a prol da igualdade.

Sen ningún escrúpulo, sen o máis mínimo pudor, e máis nunhas circunstancias tan graves coma as actuais, e coa vista posta nunhas novas eleccións.

Somos tratadas como meras mercadorías, sen ter en conta a nosa dor, a nosa impotencia ante a hostilidade coa que nos atopamos cada vez que denunciamos unha agresión, sexa do tipo que sexa, especialmente, se se trata, como na maioría dos casos, de mulleres anónimas.

Tampouco está a pasar desapercibido o "despiste" e a "prudencia" de moitos colectivos "feministas" aos que, noutras circunstancias, xa lles tería faltado tempo e rúa para saír a berrar as súas consignas, pero que son conscientes de que non lles convén porque, como xa dixemos en máis ocasións, "feministas", si, pero a vaquiña polo que vale, e hai moita "feminista" (non feminista, como sempre aclaro), que leva moito tempo de "activismo" agardando por un despachiño ou, no peor dos casos, por un posto deses tan apetecibles que, non sabemos se lles solucionará a vida, pero si que lla facilitará moito.

Así as cousas, o "Irmán, non estás soa", ou o rexeitamento á violencia institucional contra a que tanto berraban hai tan só unhas semanas quedan pechados baixo chave, porque, xa se sabe, "A río revolto, ganancia de pescadores", e mirade por onde, ao mellor uns acontecementos tan graves coma os que se están a vivir son, a cambio do seu silencio, o pasaporte perfecto para o despacho ou a cadeira soñados.

Non cabe dúbida de que aínda haberá máis sorpresas, e que a loita destas mulleres, de todas as mulleres que falamos alto e claro, dará, algún día, agardemos que non moi afastado, resultado, máis, namentres, todas as que temos fe na verdadeira loita contra a violencia sobre nós, independentemente da cor política, agardamos e desexamos con toda a alma que todo o que está a suceder, sirva, polo menos, para demostrar a gran farsa que se agocha disfrazada de loita contra a violencia de xénero e que algunha se decate de que non paga a pena pelexar con ninguén por defender a un partido.

Os resultados do que lles importamos realmente ás mulleres, a vista está.

Asociación Si, hai saída