Verdades a medias, mentiras completas

16 de mayo 2026
Actualizada: 10:54

Natalia Puga sinala que nun contexto de desinformación, infoespectáculo e fake news, o xornalismo veraz, independente e comprometido co seu código deontolóxico é imprescindible para garantir unha sociedade informada

"Nesta inundación de medios, pseudomedios, comunicación, infoentretemento, espectáculo, verdades a medias, mentiras completas, o que fai falla é ter información e somos necesarios". Díxoo José Precedo na entrega do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa e penso que debería imprimirse e colgarse nas paredes de todas as facultades de Xornalismo e de todas as redaccións. "Tatualo a fogo", como diría Extremoduro, para que as e os profesionais non esquezan nunca nin a triste realidade do ecosistema mediático actual nin a súa responsabilidade coa sociedade para facer un xornalismo digno que axude a arroxar un pouco de luz.

Tiven a sorte de entrevistar ao premiado neste acto, que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) realizou este ano, por primeira vez, en Pontevedra coa colaboración do Concello, e así respondía a unha das miñas preguntas. Quería saber eu, desesperanzada, se estamos a perder os principios esenciais deste digno oficio e el abría a porta ao optimismo, a non perder a fe. Ver o salón cheo de tantas compañeiras e compañeiros tamén imprime certa ilusión de que aínda hai futuro porque aínda son moitas as que defenden que esta é unha labor social necesaria.

Os xornalistas somos moito de repetir que o noso é o oficio máis bonito do mundo. Particularmente, hai moito tempo que non fago miña esa afirmación e, alá onde miro ao meu arredor, vexo moito fatalismo, pero Precedo aportou outra perspectiva. Citou a Belén López, xornalista que elaborou o manifesto do Día da Liberdade de Prensa 2026 e a metáfora na que fala do noso traballo como "limpacristais da sociedade". Di Belén que "se a liberdade de prensa deixa de ser unha esixencia social incontestable, o cristal un día estará tan sucio e cheo de lixo que ninguén será capaz de ver nada" e engade Precedo que precisamos ese cristal limpo "para ver a realidade, para tomar decisións, para estar máis informados". Por iso insiste en que "somos necesarios".

Seguramente debería quedar con ese optimismo, pero eu quedo coa inundación, con esas "verdades a medias, mentiras completas", unha expresión que xa vou facer miña. Repetiuna Precedo no seu discurso de agradecemento ao tempo que facía un chamada a volver aos orixes do xornalismo, a ese código deontolóxico que debería encher o noso traballo de imparcialidade, de respecto ás fontes e ao segredo profesional, de compromiso coa verdade e apartar as fake news, o amarelismo e o espectáculo do noso día a día.

Quizais aí estea precisamente o reto. Non en defender un xornalismo perfecto polo que a moitos nos entra a nostalxia, senón en impedir que a inundación o arrastre todo. Nun tempo no que as "verdades a medias" circulan máis rápido ca os feitos e as "mentiras completas" atopan altofalantes dispostos a amplificalas, facer xornalismo con rigor convértese case nun acto de resistencia.

E pode que sexa certo que xa non vivimos o oficio máis bonito do mundo, pero coincido con José Precedo e con Belén López en que segue sendo un dos máis necesarios. Porque cando o cristal se ensucia de todo, o realmente perigoso non é deixar de mirar: é deixar de distinguir a realidade. E, como dixo a decana do Colexio, Belén Regueira, "a información veraz é tan importante como a auga potable e o aire limpo". Haberá que seguir limpando as fiestras para mirar ben.

Entrega do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa
Natalia Puga, José Precedo e Belén Regueira na Entrega do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de PrensaCristina Saiz

Discurso completo de José Precedo.

Conciencia e resistencia: Manifesto do CPXG polo Día da Liberdade de Prensa, escrito por Belén López