Vintecinco anos de Vaipolorío

08 de marzo 2025
Actualizada: 19 de julio

Un día, aqueles veciños e veciñas da contorna do río decatáronse de que o Gafos era unha herdanza dos seus devanceiros e que tiñan que coidar e manter limpo o río como eles o deixaran

Dicía Eduardo Galeano: "Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo".

Semellaba o escritor e pensador uruguaio estar a falar dun feito de tolos e tolas que, agora hai vintecinco anos, deulles por limpar o río dos Gafos no seu tempo de lecer, cando todos utilizábamos o río como esterqueiro onde íamos botar o lixo que non queriamos nas casas.

Un día, aqueles veciños e veciñas da contorna do río decatáronse de que o Gafos era unha herdanza dos seus devanceiros e que tiñan que coidar e manter limpo o río como eles o deixaran, pois nun tempo non moi lonxano foi fonte de riqueza para a veciñanza, sobre todo cos muíños, tamén como paso de peregrinos.

Nas beiras do río, onde canta o merlo, aniña o ferreiriño e, cando a primavera peta na porta, o cuco cántalles a aqueles homes e mulleres que coidan o seu río a canción que lle escribiu o bardo, fillo dun río, Manuel María.

E así, xornada de limpeza tras xornada de limpeza, pasaron vintecinco anos, eles máis vellos e máis sabios, e o río máis rexuvenecido e máis limpo. Aínda que a limpeza é o que máis destaca, o labor de Vaipolorío, que é o nome daqueles pioneiros, é moito máis importante, pois recuperaron toda a toponimia do río.

Foron moitas horas de traballo de campo, falando cos veciños, escoitando historias nas lareiras e recuperando nomes e recunchos que estaban esquecidos, facendo inventario de todo o patrimonio etnográfico que se estaba a quedar no esquecemento, limpando canles e pontellas, retirando árbores, eliminando especies invasoras das beiras, etc. Con eles descubrimos que aínda hai espazos que se manteñen virxes, como as Brañas.

Recuperaron muíños, pontellas, arranxaron novos vieiros, fixeron pasarelas e tamén vídeos dos traballos artesanais que se facían ao carón do río: das leiteiras, dos lavadoiros, da sega, das sementeiras, de enxertos, da poda, estudos da flora e fauna.

Lembro un ano no que se empeñaron na recuperación dunha planta que o Padre Sarmiento localizara hai moito tempo no Gafos: a planta da orella de rato. E alá fomos como nun regueiro de formigas, guiados por Amancio Castro e Carlos Solla, ano tras ano, ata que a localizamos; non paramos.

Noutro ano, leváronnos con lanternas, como un exército de vagalumes, a facerlle unha visita ao tramo tapado do río en Campolongo. Fomos fixándonos a ver se atopábamos a herba peliqueira, que só se pode atopar nas covas e nos foxos aos que nunca chegan os raios do sol, como lle acontece nese tramo ao Gafos, condenado á escuridade. Na procura das avelaíñas, dos morcegos, na repoboación das árbores, da poda das maceiras de río, deixando escritas as moitas lendas do río, etc.

Mil enchentes máis do río dos Gafos para Vaipolorío, e oxalá se cumpra o seu desexo de ver destapado o tramo cuberto. E un recordo moi sentido dos homes e mulleres do colectivo que xa non están con nós, e aló no ceo, se existe, ou onde queira que se atopen, que saiban que a semente que plantaron nas beiras do río agromou vixosa e cada vez máis mozos e mozas se suman no labor de recuperación e limpeza do río. E que cante o merlo, que logo do verán chega o inverno.