Rexenerar as rías galegas, a aposta de Pontón para frear a "perda brutal" na súa produtividade
Por Alejandro Espiño
A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, comprometeuse este mércores para impulsar unha rexeneración integral das rías galegas para frear a "perda continuada e drástica" da súa produtividade.
"Comprométome a ser a presidenta que recupere o sector do mar e que dea á súa xente a confianza suficiente para saber que este sector vai ter futuro", asegurou Pontón tras reunirse na Illa de Arousa con profesionais do sector do mar.
A pesca debe seguir sendo, segundo a líder do BNG, unha actividade "clave" para a economía galega, polo que avanzou que esa rexeneración das rías impulsaríase na próxima lexislatura, xa que se trata dunha cuestión "fundamental" para a supervivencia do sector.
No últimos quince anos, segundo Ana Pontón, o sector do mar sufriu o "abandono" do PP, que só lles responde "con negacionismo persistente e recortando presupostos" a pesar de que dá traballo a máis de 64.000 persoas e supón o 4,8% do PIB galego.
Para facer fronte á "brutal" perda de produtividade, que afecta os bivalvos pero tamén ao mexillón, o percebe, o polbo ou os crustáceos, o BNG propoñerá un plan estratéxico de recuperación das rías, financiado con recursos propios e fondos europeos.
Ademais, entre outras medidas, Pontón citou a necesidade de regular o baleirado dos encoros para non prexudicar á produción das rías ou impulsar sementeiros públicos e mixtos, que permitan ter semente propia e garantir a subministración para especies autóctonas.
A iso sumou a creación dun consorcio científico de estudo e investigación para "saber que está a pasar nas nosas rías" e poder así, desde a Xunta de Galicia, "acertar nas decisións que temos que tomar" para combater a perda de produtividade.
A candidata do BNG tamén anunciou a creación dun seguro público que cubra as perdas eventuais de produción ou ampliar as axudas individuais ata alcanzar o salario mínimo para cada mariscador mentres non recupere o ritmo de traballo e de ingresos habitual.
A este respecto, Ana Pontón avanzou que reclamará ao Estado unha redución nas cotizacións á Seguridade Social para este colectivo, de forma que as mariscadoras poidan ter "rendas dignas", evitando que siga en aumento o abandono desta actividade.
Para a comercialización do produto que se extrae das rías galegas, Pontón propón crear unha sociedade mixta para a promoción e venda de peixe e marisco ou impulsar unha marca propia para que os consumidores identifiquen na etiquetaxe a súa orixe.
O programa de goberno do BNG inclúe tamén reforzar a colaboración coas denominacións de orixe protexidas e aumentar a promoción internacional dos produtos do mar.
Relacionadas:
-
Pontón propón baixar o IVE dos alimentos básicos, libros de texto gratis e un bono transporte para axudar ás familias
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG, se goberna, comprométese a desenvolver unha nova lei galega da discapacidade
Por Redacción |
-
Reindustrializar Galicia cunha "aposta decidida" pola ciencia e a tecnoloxía, o compromiso de Ana Pontón
Por Alejandro Espiño |
-
Pontón promete unha Galicia "que non perda o tren" e teña máis conexións e frecuencias
Por Alejandro Espiño |
-
Un décalogo de medidas do BNG para que a Xunta "reme a favor" do impulso de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Pontón, en Pontevedra: "Adiantemos a chegada da primavera coa primeira presidenta do BNG"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |