Fernández Lores: "nunca me poño ao teléfono cando me chaman de Ikea ou de Eroski"
Por Oskar Viéitez
O candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra e aspirante á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, reeditou este venres o seu compromiso coa defensa do comercio local fronte aos grandes centros comerciais.
Nunhas reunions con empresarios, hosteleiros e representantes de asociacións sectoriais do municipio, Fernández Lores, explicou que o comercio local, a restauración, o "terraceo" son "consustanciais ao modelo de cidade" e asegurou que "non seriamos o que somos sen un potente comercio local e unha potente restauración e ás prazas e ás rúas non estivesen ocupadas por terrazas".
Neste sentido Lores entende que o goberno local debe "xerar a máxima actividade económica, festiva, deportiva e cultural" xa que cre que o comercio local e a restauración "vertebran a cidade, cohesionan e son fundamentais para facer unha cidade máis democrática".
Ante os empresarios o candidato nacionalista recoñeceu que isto non é novo, que non inventou nada, e que a receita do éxito de Pontevedra se encontra en facer unha cidade pensada nas persoas, "na saúde pública e non na contaminación e no ruído que xeneran os coches", e engadiu "e por iso nos dan premios".
"Hoxe o que lles estou a dicir aos comerciantes e empresarios é que lles queremos, os necesitamos e os potenciaremos sempre porque son peza fundamental dun modelo de cidade envexado en todo o mundo", proclamou.
Sorprendentemente Fernández Lores confesou que como alcalde "nunca me poño ao teléfono cando me chaman de Ikea ou de Eroski, porque me sinto mal ao ter que dicirlles que non nos interesan".
Para Lores cando unha destas áreas comerciais presenta un proxecto para instalarse nunha cidade coa "tentadora" oferta de centos de empregos "iso é mentira, xa que o final destrúense o triplo de postos de traballo de máis calidade no comercio de proximidade que sempre garante unha mellor xeneración de emprego".
"Evidentemente hai comercios que pertencen a grandes cadeas, pero están nas rúas, non hai que collelo coche", concluíu.