O BNG de Marín compromete unha nave de deportes náuticos nas proximidades do Paseo Alcalde Blanco
Por Oskar Viéitez
O BNG marinense reuniu esta fin de semana no Paseo Alcalde Blanco a un numeroso grupo de deportistas e familiares, na súa maioría relacionados co remo e o piragüismo, para facer público o seu compromiso de "ofrecerlles coa máxima urxencia unha nave próxima a este lugar para poder desenvolver a súa actividade coa dignidade que merecen", tal como sinalou a candidata nacionalista, Pilar Blanco.
Para amosar a demanda existente, tamén lembrou que nos últimos dous anos o BNG reclamou no Concello accións tendentes a resolver esta carencia e resaltou que os clubs entregaron case 3.000 firmas de apoio e que a Corporación aprobou por unanimidade unha moción do seu grupo para atender esta "imperiosa necesidade".
A reivindicación escenificouse creando un gran mosaico no que se pudo ler ‘Nave de deportes náuticos, compromiso’, portado por deportistas, directivos, familiares, veciños e integrantes da candidatura nacionalista.
"Non imos condicionar esta actuación a contar con fondos doutras Administracións, senón que se fará directamente desde o Concello", afirmou Blanco, para engadir que a súa aposta é "conseguir a nave portuaria máis próxima ao paseo, cuxa concesión remata en pouco tempo e o seu acondicionamento non tería un custe elevado".
En canto ao resto do programa nesta materia, o BNG dí que é "imprescindible un plan de sobre o deporte participativo e integrador, cunha oferta pensada para o conxunto da sociedade, e acabar coa ausencia de diálogo e a discriminación de determinadas actividades fronte a outras dos últimos catro anos", sinalou Blanco, aclarando que creará un Consello Municipal de Deportes para canalizar as necesidades e inquietudes do sector.
No que se refire ás infraestruturas, ademais da nave de deportes náuticos, o BNG quere dotar a Seixo dos equipamentos que merece e precisa, recuperar o campo de fútbol de San Xulián, achegar novas dotacións ás parroquias e buscar unha solución para "as abandonadas pistas de atletismo de San Pedro". A isto suma o obxectivo de crear "unha gran zona de skate ante o crecemento do número de mozos que practican este deporte na vila".
Finalmente, Blanco López lembrou o acordo plenario a proposta do BNG para xestionar a construción dun porto deportivo no Paseo Alcalde Blanco e denunciou que "o Goberno local de María Ramallo non fixo nada por conseguilo, polo que, unha vez máis, quedará para que sexamos os nacionalistas os que o impulsemos"