Compromiso por Galicia propón un referendum vinculante sobre a permanencia de Ence na ría
Por Oskar Viéitez
A candidatura de Compromiso por Galicia ven de facer públicas ás súas propostas económicas e loita contra o paro, empezando pola controvertida prórroga da concesión de Ence en Lourizán.
Aseguran que Ence “debe de saír da ría de Pontevedra”. Non obstante, son partidarios de crear un novo proxecto industrial na comarca, coa participación de inversores internacionais e “concurso público que garanta o control da empresa nos máis acaídos sistemas de produción tanto a nivel medio ambiental como industrial”.
Para Compromiso por Galicia, o tema celulosas non debe ser utilizado nin unha vez máis como arma política electoral, para o que formulan unha proposta de participación pública transparente e democrática a través da realización dun “referendum con todas as garantías e con resultado vinculante para todas as partes afectadas; empresa e diferentes administracións”.
- CLUSTER DA ARTE E O DESEÑO EN PONTEVEDRA
Compromiso por Galicia aposta pola creatividade como uns dos principais valores da nosa cidade. Queren que a creación artística e o deseño industrial sexan capaces de artellar un modelo económico e para iso impulsarán a creación dun Cluster da Arte e o Deseño do que formen parte administracións e universidade, agrupando e atraendo a Pontevedra diferentes empresas.
- PEQUENO COMERCIO
Neste eido queren elaborar un plan de comercio interior que recolla as fortalezas e as carencias comerciais de cada sector e barrio facilitando e promovendo a elaboración de plans de viabilidade comercial. Modificar as políticas de fiscalidade e disciplina urbanística do concello, en todas as facetas que afectan ao comercio de proximidade; dende moratorias ou períodos de carencia nas licencias de apertura, pasando por facilitar as obras menores de reforma de locais comerciais, ata incluso o gravame con unha taxa de desocupación dos locais comerciais que permanezan pechados por un tempo superior ao normal que marca a rotación do mercado.
- APOIO A PEQUENA E MEDIANA EMPRESA E AUTÓNOMOS
Apoio decidido ao tecido empresarial do ámbito local, así como dos traballadores autónomos, co obxectivo de fomentar o dinamismo económico e a creación de emprego no entorno máis próximo á cidadanía. Dende o Concello afirman que empregaran todas as armas legais para a protección e garantir o cobro de obras e servizos municipais da pequena empresa e os autónomos en réxime de subcontratación.
Bonificacións no pago de IBI pola contratación de desempregados e no pago do IAE pola aplicación de medidas de eficiencia enerxética ou o uso de enerxías renovables.
- LICENZAS DE APERTURA DE NEGOCIOS
Compromiso por Galicia propón eliminar os postos de asesores no Concello e reducir drasticamente os gastos destinados a propaganda, coa finalidade de destinar recursos con carácter prioritario para que os enormes prazos actuais na concesión de permisos e licenzas non constitúan un problema á hora de emprender un novo proxecto comercial ou empresarial.
- CREACIÓN DUN PORTO SECO
- INDUSTRIA ESCAPARATE
Propoñen a través da redacción inmediata dun novo Plan de Urbanismo unha reordenación deste tipo de establecementos "actualmente esparexidos sen criterio" nas diferentes vías de acceso á cidade e o impulso de espazos especializados que aproveiten as sinerxías entre empresas e simplifiquen a burocracia e os prazos para a implantación de novos proxectos, cunha especial atención ao cumprimento de criterios ambientais.