Un novo vial no Bao e unha alternativa á PO-308, medidas do BNG para mellorar a mobilidade en Poio
Por Redacción
O BNG de Poio desvelou este venres as súas propostas para mellorar a mobilidade no municipio. Entenden os nacionalistas que, a pesar de que as alternativas norte e sur supuxeron un "cambio radical" nos accesos, esta situación "aínda é mellorable". Por iso, o equipo de Luciano Sobral marcou uns obxectivos a largo prazo para conformar unha rede viaria "ben conectada e suficiente para Poio" e que se iría desenrolando por fases.
Unha das máis importantes sería o vial do Bao, que permitiría ordenar o tráfico na Barca. Este punto negro na circulación do municipio "contaría cunha alternativa que ademais vai estar conectada directamente coa nova ponte sobre o Lérez". Trátase dunha infraestrutura que está planificada no Plan Move da Xunta.
Pero o grande obxectivo do BNG é dar solución ao tráfico da PO-308, buscando unha vía alternativa, "unha necesidade que xa ninguén discute", explican. Tería que ser unha nova estrada que lle dea acceso aos núcleos máis importantes de poboación, facendo que os tempos de acceso á autopista se recorten substancialmente.
Sería "fundamental" para o desenrolo e crecemento de Poio "quedando a PO-308 como unha travesía urbana cunha densidade de tráfico moi reducida e cun carácter máis local". Tamén nesta vella estrada apostan por seguir avanzando en actuacións urxentes para mellorar a súa seguridade.
Ademais, o BNG propón mellorar os accesos aos núcleos de Campelo e Raxó coa construción de novos viais. No primeiro caso, debería partir da PO-308 desde o Alto de Albar para chegar ata Campelo solapando practicamente o camiño da Foguetería; mentres que en Raxó, os accesos á zona do porto deberán mellorarse tanto dende a PO-308 como dende o Concello de Sanxenxo, co que se agarda coordinar actuacións futuras.
Xunto a isto, o desenrolo do sistema viario previsto no Plan de Ordenación no entorno da Casa de Cultura "vai contribuír a mellorar o tráfico rodado e a seguridade viaria en Raxó", sinalan desde a formación nacionalista, ao conectar estes viais coa PO-308 a través dunha rotonda.
Por último, o BNG de Poio entende que a estrada provincial de Campelo é outra das estradas que necesitan dunha mellora na súa seguridade vial. A urbanización desta estrada será cofinanciada entre a Deputación e o Concello. Nestes momentos trabállase na cesión dos terreos necesarios para acometer as obras.
Tamén as estradas da Armenteira e do Muíño necesitan actuacións que permitan unha circulación máis segura. A súa planificación non está muy avanzada pero xa figuran na axenda como proxectos a medio prazo. Neste sentido, igual pasa coa circunvalación de Pontevedra, "un proxecto que acaba de pórse en marcha e que Poio debe pretender que teña unha conexión directa co acceso Norte á altura de Alba".