O BNG de Marín quere desterrar as políticas do "caciquismo e a venda de favores a cambio de votos do PP"
Por Redacción
O BNG marinense resaltou que o Concello "ten que dar a mesma atención aos veciños do casco urbano e aos das parroquias e barrios do rural", algo que, asegura, "se facía durante o anterior mandato e que mudou cando chegou o PP para implantar a vella política do caciquismo e da venda de favores a cambio de votos", según explicou a súa candidata, Pilar Blanco.
A nacionalista sinala que "non podemos ter en Marín cidadáns de primeira e de segunda, para o que debemos recuperar desde o primeiro día a liña de traballo do Goberno anterior no que BNG tiña a máxima responsabilidade na área de Rural, cando se priorizaban as actuacións en función das necesidades e non do amiguismo".
"Durante os catro anos co BNG no Goberno fomos quén de ampliar a rede de saneamento, resolver moitos dos problemas de abastecemento de auga, renovar unha gran parte do alumeado público con materias de calidade, así como recuperar o patrimonio e as comunicacións", engadiu Blanco López.
Así mesmo, incidiu en que a súa prioridade será darlle un impulso a iniciativas como levar a Escola de Música ás parroquias, habilitar as casas da cultura, e potenciar, en colaboración cos veciños, as festas parroquiais.