Os "prognósticos agoireiros interesados" das sondaxes non desaniman ao PSdeG, arroupado por Sánchez
Por Natalia Puga
"Fronte aos prognósticos agoireiros interesados, imos gañar e ser capaces de encabezar o cambio", afirmou este domingo o candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga. É a súa resposta contundente ás enquisas electorais publicadas por distintos medios de comunicación que, en todos os casos, prevén unha maioría absoluta para o PP e unha caída do seu partido e un previsible sorpasso de En Marea aos socialistas.
O candidato socialista participou nun mitin ante arredor de 500 persoas nos xardíns de Ravella de Vilagarcía de Arousa no que estivo arroupado polo secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e contou co apoio do alcalde da localidade, Alberto Varela.
Na súa intervención, fixo un chamamento aos socialistas a non quedar na casa o vindeiro domingo 25 de setembro porque "derrotar ás enquisas depende de nós". Tampouco acusou o desánimo polas previsións das sondaxes Pedro Sánchez, que valora que, como nas anteriores citas electorais, os socialistas teñen "varios adversarios" e "uno de ellos son las encuestas". El non cre o que pronostican e pide a mobilización dos socialistas fronte á abstención ou os malos agoiros, asegurando que "el futuro en democracia no está escrito, depende de nuestro voto".
Tanto Sánchez como Leiceaga cren que as enquisas "queren convencernos de que todo está feito pero non é certo porque son os cidadáns os que decidirán o próximo domingo a Galicia que queren", pero están convencidos de que "se temos confianza e cremos nas nosas posibilidades o 25 de setembro haberá cambio".
O candidato socialista á Xunta de Galicia relaciona estas enquisas coa estratexia do PP, que "xa quixeron enterrarnos nas eleccións xerais e non o conseguiron". "Estou aquí contra todo prognóstico, e contra todo prognóstico liderarei o cambio en Galicia", sinalou.
Relacionadas:
-
Os socialistas apostan por fomentar o emprendemento
Por Redacción |
-
Os socialistas aseguran que un goberno de Leiceaga será "sensible" as necesidades dos traballadores do mar
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas acusan a Feijóo de propiciar "o maior ataque da historia contra a sanidade pública galega"
Por Oskar Viéitez |