A traxedia cebouse co mundo do mar
Por Natalia Puga
O sector marítimo tivo este ano 2018 un protagonismo indiscutible nos titulares das noticias de sucesos, con dous grraves accidentes que acapararon os xornais e informativos durante varios días dos meses de xullo e decembro. O 24 de xullo un accidente marítimo co incendio dun catamarán entre a illa da Toxa e o porto do Grove causou a alarma na comarca e o 19 de decembro o mar cobrouse catro vidas no naufraxio do barco pesqueiro "Sin Querer 2", con base en Portonovo, a 4,5 millas ao sur de cabo Fisterra.
Cando o 'Sin Querer 2' naufragou ían na embarcación dez tripulantes. Seis lograron saltar ás balsas salvavidas e pouco despois foron rescatados por dous pesqueiros que se atopaban nas inmediacións, pero os outros catro non tiveron salvación. Os cadáveres de tres deles, Teófilo Rodríguez, Bernardo Padín e Manuel Serén, todos veciños de Cambados, foron recuperados xusto despois do naufraxio, pero o cuarto, Guillermo Casais segue desaparecido.
O lamentable suceso de xullo deixou un balance mortal. Incendiouse con 52 persoas a bordo e 38 delas resultaron feridas de diferente consideración, dúas delas de carácter máis grave, e dez días despois houbo que lamentar a morte dunha delas no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña ( CHUAC). Trátase dun home de 70 anos veciño de Guadalaxara que sufriu graves queimaduras a bordo do catamarán e fora trasladado en helicóptero ata A Coruña. Xunto a el foi trasladada a súa esposa, de 60 anos, que permaneceu semanas ingresada no mesmo centro hospitalario.
Non faltou tampouco a atención mediática de toda España no grave caso de violencia machista de decembro tamén no Grove, no que José Antonio P.F. disparou á súa ex parella no seu domicilio desta localidade e logo atrincheirouse na súa casa e pegouse dous tiros. Agresor e vítima sobreviviron aos feitos, ela tras ser rescatada polos efectivos de seguridade que subiron por unha escaleira colocada na fachada e sacárona pola xanela, pero a gravidade do ocorrido é indiscutible e máis de 200 persoas non dubidaron en saír á rúa dous días despois na segunda concentración máis numerosa de todas as realizadas no Grove contra o machismo.
A violencia machista tamén conmocionou a Pontevedra e a súa contorna o pasado verán. Ocorreu durante a madrugada do 26 de agosto, con motivo dos concertos do festival Armadiña Rock Estrela Galicia en Poio. A Garda Civil de Pontevedra detivo a un veciño de Marín de 38 anos como presunto autor dun intento de agresión sexual a unha moza de 20 anos na zona de acampada habilitada en Combarro, un grave episodio de violencia machista que xerou unha repulsa social maioritaria e levou á cidadanía de toda a comarca a saír á rúa contra todas as violencias machistas ao berro de "xuntas, respectadas e libres".
A empresa Ence e a súa factoría de Lourizán converteuse en protagonista involuntaria de dous sucesos que causaron gran alarma social. En outubro, un camioneiro foi identificado tras atacar cun martelo a dous ciclistas na estrada de acceso á fábrica mentres lles gritaba"larga, que te mato" , "ven aquí, hijo de puta" ou "desgraciado", nunha escena que foi recollida en vídeo por unha testemuña e se viralizou.
O 5 de decembro, un incendio alarmou a toda Pontevedra e parte da comarca porque unha densa columna de fume negro e chamas vivas saían da factoría. Con todo, a situación liquidouse en apenas unha hora e finalmente as repercusións foron inferiores ás que se esperaban. Tratouse dun incendio no revestimento exterior de poliéster en dúas torres de refrixeración que estaban fóra de servizo e estaban a ser desmanteladas, obrigando a desaloxar a todo o persoal durante ao redor de media hora.
As noticias luctuosas por accidentes tamén marcaron a actualidade deste ano. O 21 de marzo unha traballadora da estación de autobuses de Pontevedra de 46 anos perdeu a vida nun accidente laboral ao ser atropelada por un autobús cando se atopaba na dársena do recinto. O luns 24 de setembro, unha nena de tres anos faleceu nun accidente de tráfico tras sufrir un forte golpe coa cabeza contra a pantalla dunha tablet que ía vendo.
A seguridade do tráfico ou, en concreto, a falta de seguridade deixou en febreiro un rechamante atestado policial. A Garda Civil de Tráfico detectou a un veciño de Vigo de 42 anos que deu positivo en todas as substancias estupefacientes que poden ser detectadas polo test de consumo de drogas mentres circulaba polas inmediacións do polígono industrial do Campiño.
Relacionadas:
-
Un patrón de Marín falece despois de sufrir un accidente no porto de Dakar, en Senegal
Por Manu Otero |
-
Os sobreviventes do 'Sin Querer 2' e a armadora: cara a cara no xulgado polos despedimentos tras o naufraxio
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Tres mariñeiros falecidos no naufraxio do barco "Sin Querer Dos" de Portonovo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A Peregrina amence sen a escultura do Loro Ravachol
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Un incendio aparatoso, pero de consecuencias menores
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un home pégase dous tiros tras disparar a súa parella nunha vivenda do Grove
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Alarma en Pontevedra por un incendio na fábrica de ENCE en Lourizán
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
VÍDEO.- Identifican un camioneiro que atacou cun martelo a dous ciclistas no acceso a ENCE ao berro de "te mato"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Morre a nena de tres anos golpeada na cabeza por unha tablet nun accidente de tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Un detido por intento de agresión sexual a unha moza na zona de acampada do Armadiña Rock
Por Natalia Puga |
-
Falece un dos dous feridos moi graves no incendio do catamarán do Grove
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Accidente marítimo no Grove: a investigación complícase polo estado do barco, totalmente calcinado
Por Natalia Puga |
-
Accidente marítimo no Grove: Turistas de toda España, Portugal ou Alemaña entre os afectados
Por Natalia Puga & Redacción | Creada e actualizada
-
Unha traballadora da estación falece atropelada por un autobús
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada