Ana Pontón afirma que o BNG é a "garantía" para que Pontevedra "siga avanzando"
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/254/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5ce68abbf0-20190523-patxot-lores-ana-ponton-4301.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/55b/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5ce68aef7b-20190523-patxot-lores-ana-ponton-4147.jpg)
© Mónica Patxot
Na recta final da campaña electoral, o BNG quixo lanzar unha mensaxe clara aos pontevedreses. Só a papeleta dos nacionalistas, o próximo 26 de maio, é a "garantía" para que Pontevedra "siga avanzando". Así o sinalou a súa portavoz nacional, Ana Pontón, que unha vez máis quixo apoiar ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Durante un paseo pola Boa Vila, Pontón sinalou que Pontevedra é un "emblema" para toda Galicia pola súa transformación urbana e porque demostra "que se poden facer ben as cousas" cando á fronte dos concellos hai un equipo "sólido, solvente e coas ideas claras" e cun modelo "de éxito" que deixou unha "pegada moi positiva" na cidade.
A dirixente nacionalista pediu aos pontevedreses que apoien ao BNG nas urnas para que "o que está en marcha siga para adiante con máis impulso", xa que o resto de partidos que se presentan ás municipais "non son alternativa de futuro", xa que aplican "fórmulas fracasadas" e que noutras cidades "demostraron que non serven para avanzar".
"É importante que haxa unha mobilización masiva e que ninguén quede na casa", explicou Ana Pontón, que defendeu que os gobernos do BNG demostran a capacidade que ten Galicia cando "confiamos nas nosas propias forzas" e se aposta por modelos urbanos que se converten en "referencia internacional" por mellorar a vida dos cidadáns.
A este respecto, Miguel Anxo Fernández Lores tamén incidiu nesta mensaxe e pediu que os pontevedreses voten "masivamente" o vindeiro domingo para lograr unha maioría que permita que Pontevedra "siga avanzando e mellorando" e mesmo dar un "paso adiante importante" no modelo xa existente.
As propostas dos partidos da oposición, de acceder ao goberno, supoñerían segundo Fernández Lores unha "parálise" e unha "volta atrás" en todo o que a cidade "conseguiu ata o de agora" coa colaboración dos seus habitantes "e do que sentimos todos orgullosos".
O 26 de maio, engadiu o alcalde, "xogámonos moito" e especialmente que Pontevedra siga sendo unha "referencia" na vida municipal galega e déanse pasos para continuar avanzando en solucións "pioneiras" en mobilidade, no tratamento de residuos sólidos ou en alternativas de transporte "modernas, actuais e sostibles".