Un ano de xuízos e xurados tan mediáticos como polémicos na Audiencia Provincial
Por Natalia Puga
Os xulgados pontevedreses viviron un ano 2019 marcado polas inauguracións e as polémicas. A nivel infraestruturas, inaugurouse finalmente o novo edificio xudicial da Parda e empezou a mudanza das primeiras salas. A nivel xudicial, celebráronse xuízos sobre os que estaban postos todos os focos como os crimes da rozadora e de Ponte Caldelas, o intento de homicidio dunha muller nun hotel en Vigo ou o esperado xuízo á narcoabogada Tania Varela (logo debullaranse todos eles).
O coñecido como crime da rozadoira da Cañiza xulgouno un tribunal de xurado que acabou marcado pola polémica, pois os nove titulares e dous suplentes do tribunal pasáronse dous días enteiros deliberando nos que nin sequera se lles forneceu un elemento tan básico como botellas de auga. Ademais, víronse na tesitura de que, chegada a noite, non tiñan veredicto, de modo que tiñan que quedar incomunicados e durmindo nun hotel e atopáronse ás tantas da noite sen cuarto reservado nin nada para cear.
O malestar non tardou en facerse notar no seo da Audiencia Provincial e todas as fontes consultadas responsabilizaron directamente á Xunta de Galicia. O asunto chegou ao Parlamento de Galicia e xerou unhas controvertidas declaracións do director xeral de Xustiza, que responsabilizou ao persoal da Audiencia. As críticas e peticións de dimisións non tardaron en chegar desde distintas asociacións e o vicepresidente da Xunta acabou recoñecendo o erro neste caso e pediu desculpas públicas aos integrantes do xurado popular.
En canto ao xuízo en si, acabou coa condena de 17 anos de cárcere para José Luis Viéitez por matar o seu veciño cunha rozadora en xuño de 2017 e, posteriormente, tratar de acabar coa vida da filla da vítima
En canto ao crime de Ponte Caldelas, tamén xulgado por un tribunal popular, acabou coa condena de Marcos Vidal, autor confeso, a 18 anos e seis meses de prisión como responsable dun delito de asasinato por matar a Manuel Rivas, marido da que fora a súa parella sentimental.
A sección cuarta da Audiencia ditou unha sentenza condenatoria para Marcos Vidal en base ao veredicto do tribunal de xurado que lle xulgou en outubro e declarouno culpable dun asasinato no que concorren as circunstancias agravantes de aleivosía e asañamento e as atenuantes de confesión e de dilacións indebidas.
Este proceso xudicial tamén estivo cargado pola polémica pola petición de que tamén se investigase á viúva do falecido pola súa posible implicación nos feitos xulgados. A muller chegou a estar investigada, aínda que este ano, no verán, finalmente, a Audiencia decidiu que o xuízo tan só seguísese sobre Marcos Vidal. A pesar diso, ao termo do xuízo, o avogado dos pais de Manuel Rivas, pediu que se deducise testemuño do veredicto do xurado para reabrir a causa xudicial na que estivo investigada Sandra Martínez. A investigación de Sandra Martínez arquivouse de forma provisional e o fallo xudicial ditado pola Audiencia considera que así debe seguir, pois "non se estima procedente" esa reapertura.
En outubro tamén se soubo que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obrigaba á sección cuarta da Audiencia para repetir o xuízo celebrado a principios deste ano 2019 contra o empresario portugués Carlos Inácio Pinto, condenado por ese tribunal a once anos e catro meses de prisión como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa por tentar asasinar á súa esposa nun hotel de Vigo golpeándoa reiteradamente cunha maza e tentando asfixiala.
O TSXG anula a sentenza da Audiencia e ordena a devolución das actuacións para que a causa volva xulgarse. A vista oral será na mesma sección, pero con nova composición do tribunal ao estimarse o recurso do condenado no que cuestionaba a imparcialidade obxectiva das maxistradas que integran o tribunal da Audiencia ao ratificar, en dúas ocasións, a súa prisión provisional.
O ano empezara co mediático xuízo á ' narcoabogada' cambadesa Tania Varela celebrado na Audiencia Provincial en marzo e que acabou en condena. Foi o seu primeiro paso por un tribunal galego e non saíu segundo os seus intereses, pois a Sección Cuarta impúxolle unha condena dun ano e oito meses de prisión e o pago dunha multa de 56.000 euros.
Relacionadas:
-
O autor confeso do crime de Ponte Caldelas, condenado a 18 anos de prisión
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia deberá repetir o xuízo contra un millonario portugués por tentar matar á súa muller
Por Redacción |
-
Confirman a pena de 17 anos de cárcere para o autor do crime da rozadoira
Por Redacción |
-
Tania Varela, condenada por branqueo de capitais a un ano e oito meses de prisión
Por Natalia Puga |
-
Malestar polo trato ao xurado do crime da rozadoira: sen auga en todo o día e ás once da noite sen hotel
Por Natalia Puga |