Unha prolongada seca que deu paso ao diluvio
Por Oskar Viéitez
O 2022 resolveu as dúbidas daqueles que recelaban da existencia do cambio climático.
A metade do ano vivimos un prolongado período de seca e ondas de calor con valores récord de temperatura e novos máximos de días consecutivos sen caer pinga de auga. Na outra metade concentráronse as choivas que caeron de maneira torrencial.
Os expertos xa advirten da necesidade de adaptarse a esta emerxencia climática implantando medidas efectivas para mitigar os seus efectos como son, entre outros, os devastadores incendios ou que as rías deixen de producir como ata o de agora estaban a facer.
O 7 de febreiro, Augas de Galicia decretaba o estado de prealerta por seca na conca do río Lérez e noutros 12 dos 19 sistemas de abastecemento da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, falaba entón dun "inverno anómalo" e meses despois a concelleira pontevedresa, Carme dá Silva sinalaba que "o ano hidrolóxico está por debaixo da media. Pode ser complicado".
En xuño os datos de Meteogalicia sobre o aforo do caudal do Lérez resultaban tan baixos que fixeron dubidar da súa veracidade, pero os números eran correctos e a redución "abrupta" que sufrira o caudal do río levou á Xunta de Galicia a activar a "prealerta por escaseza" en Pontevedra e os municipios que se abastecen de auga desde a capital: Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu e Ponte Caldelas.
Entre as medidas fixadas para este estado no plan de seca autonómico estaba o incremento da sensibilización e concienciación á poboación, a intensificación das accións de vixilancia e control, o aforro en consumos municipais e, en xeral, calquera uso da auga non prioritario. Ademais, a Xunta advertiu a Ence desta circunstancia e da súa obrigación de garantir o cumprimento do caudal ecolóxico. A fábrica tivo que parar a súa produción.
Os concellos afectados propuxeron algunhas alternativas como empregar os encoros hidroeléctricos ou utilizar canteiras abandonadas, que, despois de ser estudadas, non resultaron viables. Incluso a Deputación habilitou unha liña de axudas extraordinaria.
E chegou outubro e con el veu o diluvio. Foi o mes máis chuvioso do últimos nove anos en Galicia, cunha precipitación media acumulada de 226 litros por metro cúbico, un 37 % superior ao valor climático normal. Tanta auga caeu que a principios de novembro a Xunta xa consideraba que o peor da seca estaba superado.
Pronto se pasou da alerta por seca á alerta por risco de desbordamento dos ríos. En todos os municipios rexistráronse inundacións, especialmente en Caldas de Reis, Vilagarcía e Pontevedra onde algunhas son "case imposibles" de impedir como as da rúa Fernando Olmedo, segundo os responsables municipais.