28M | Alberto de Salazar (PACMA): "Estamos en Galicia. Aquí non é difícil facer unha cidade verde e sostible"
PACMA deu o paso. Por primeira vez, preséntase a unhas eleccións municipais en Pontevedra. Faino co avogado Alberto de Salazar á fronte e cun claro obxectivo: situar a conciencia animalista, ecoloxista e ambiental no centro do debate político e social.
Pontevedra, segundo De Salazar, "hai que gobernala desde un punto de vista máis humano" e iso pasa, irremediablemente, por prestar máis atención aos animais, "dos que se esqueceu o noso modelo urbano e quen o impulsa". Só PACMA, insiste, garantiría o seu benestar.
Que foi o que te motivou a presentarte a estas eleccións?
Levo en PACMA varios anos. Xa me presentara a outras eleccións. Como partido, ata o de agora presentámonos en Vigo, pero expúxose facelo tamén en Pontevedra. Eu nacín aquí e toda a miña familia é de aquí. Sentín que era unha especie de obrigación con esta cidade.
Vides cubrir un oco que, politicamente, estaba libre...
Ás veces a xente pensa que somos un partido só de animais e a verdade é que abarcamos todo o dos demais partidos, só que a maiores temos a conciencia animalista. Nos últimos anos, os partidos empezan a tocar estes temas, creo que pola presión social. Pero todo queda no programa. Máis aló, non se ve que avancen moito niso.
Que achegaría PACMA á política local?
Á parte do tema dos animais, sobre todo proximidade. Os que amamos aos animais somos persoas con moita sensibilidade. Gobernar unha cidade desde un punto de vista máis humano axuda moito e en Pontevedra somos todos unha gran familia. Hai que humanizar Pontevedra.
Humanizar en que sentido?
Que a xestión sexa máis humana. O alcalde leva xa 24 anos. Foise relaxando. Ese ímpeto e proximidade que tiña, perdeuno. Cada cousa ten o seu tempo. Chega un momento no que hai que dar un paso atrás e deixar paso a outras persoas e outras ideas. Dificilmente vai poder superarse a si mesmo. Os demais achegamos cousas novas.
Preséntaste, ademais, na única cidade galega con praza de touros.
Nós estamos en contra do sufrimento animal e, en particular, das corridas de touros. Non todas as tradicións son boas e a evolución da sociedade fai que se vaian modificando os nosos costumes. Hai mil cosas que facer para divertirse que non sexa matar un animal.
Como se pode conseguir unha cidade máis amable cos animais?
De entrada, propoñemos un servizo de recollida de animais perdidos ou abandonados. Ou que haxa axudas de atención veterinaria para persoas que risco de exclusión que teñan animais.
"Os que amamos aos animais somos persoas con moita sensibilidade. Gobernar unha cidade desde un punto de vista máis humano axuda moito"
Crees que o actual modelo urbano esqueceuse dos animais?
Estou seguro de que si. Pero non só deles. Considero que non é un modelo moi humano, por moito que digan. Paréceme moi ben que haxa zonas peonís, pero cando un toma unha decisión hai que poñer os medios para levalo a cabo. Ao final, dificultas que ao centro da cidade poida chegar a xente maior ou as persoas con problemas de mobilidade,
PACMA, como partido, apoiou a manifestación para reabrir Raíña Vitoria. Por que?
Está moi ben que todos podamos camiñar pola cidade, pero se ti cortas unha entrada e saída o único que consegues é prexudicar ás persoas e que se xere máis contaminación porque os coches dan máis voltas. É surrealista. Parece máis un capricho que outra cousa. E agora non queren dar marcha atrás para non recoñecer que está mal feito.
Dentro da axenda política coouse, desde hai un tempo, a chamada transición ecolóxica. Como podemos facer que Pontevedra sexa máis verde?
Estamos en Galicia. Aquí non é difícil facer unha cidade verde e sostible. Ás veces parece que non pensamos nisto. Pódense poñer máis parques, coidar o que hai e que está descoidado ou prestar máis atención ao río Gafos e ás ribeiras do Lérez.
Viviu Pontevedra de costas aos seus ríos?
Eu sempre botei de menos un verdadeiro paseo fluvial, zonas amplas nas que a xente camiña, nas que hai árbores e bancos onde sentar. Aquí hai unha beirarrúa pequena e sucia. Dá pena vela. Iso debía potenciarse e máis tendo un río como o que temos.
"Sempre botei de menos un verdadeiro paseo fluvial, zonas amplas nas que a xente camiña, nas que hai árbores e bancos onde sentar. Aquí hai unha beirarrúa pequena e sucia"
E que emprego debe buscar a cidade?
O que non sexa contaminación. A sociedade aposta cada vez máis polo medio ambiente e a sustentabilidade. Hai que pensar máis niso. Non se trata de pechar fábricas, o progreso ten que existir, senón de buscar unha localización adecuada para elas. É fácil conxugar as dúas cousas.
Que necesita Pontevedra para avanzar?
De todo. Pero é fundamental a limpeza. Está totalmente deixada. Un vai polas rúas máis céntricas e o asfalto está gretado e con fochancas. Todo isto desmerece a cidade e a hai pouco atractiva. E todo o arrabalde aínda está máis desatendido. Queda moi ben arranxar o centro para que todo o mundo o vexa, pero hai que preocuparse de todo o demais.
Se tras o 28M foses o alcalde de Pontevedra, cal sería a túa primeira medida?
Avanzar no coidado das persoas, os animais e o medio ambiente. Pero, sobre todo, incentivar o respecto aos animais e á natureza. Quédanos moito por facer.
Desde que ten uso de razón, Alberto de Salazar (Pontevedra, 1963) ten conciencia animalista. Xa desde neno apoiaba todo tipo de causas. Agora, como avogado, deféndeas nos xulgados. Non ten fillos e vive felizmente en parella.
Cal dirías que foi o momento máis feliz da túa vida?: Tiven moitos, a verdade. Non me podo queixar. Quizá cando coñecín á miña parella ou cando a familia reuníase en Nadal.
E o que te cambiou por completo?: Cando vin o que pasa nos matadoiros. Impactoume moito e fíxome reformularme moitas cousas. Fíxenme vegano.
Estrañas algo da túa infancia?: A inocencia. O non ter problemas. E á miña familia, claro.
Unha viaxe que che marcara: Londres. Gustoume moito a súa cultura e o seu ambiente. E Tailandia. Sorprendeume ese mundo e a súa xente. É un sitio fascinante.
Cal foi o mellor consello que che deron?: Non facer aos demais o que non queres que che fagan.
Unha rutina ou hábito que te manteña enfocado: Pensar no exemplo que me deu o meu pai.
E un lugar para desconectar do mundo?: A montaña. Na miña casa tamén desconecto bastante.
Cal dirías que foi o maior desafío que lograches superar?: A morte de seres queridos. Coa idade vas vendo que é algo irremediable.
A que tes medo?: Non se se é un medo, pero creo que a sociedade non vai por bo camiño.
Se non vivises en Pontevedra, onde crees que o farías?: Poderíame adaptar a calquera sitio. Sempre vexo o lado positivo das cousas.
Que afeccións tes?: Gústame navegar ou camiñar pola montaña. E estar cos meus cans.
Recoméndanos un libro: Sapiens, de Yuval Noah Harari. É un libro que debería ler todo o mundo.
E unha película?: Son moi cinéfilo, poderíache dicir moitas. Das últimas que vin gustoume moito As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen.
Cociñas ou prefires que te cociñen?: Gústame cociñar. Creo que non se me dá mal.
Que sitio recomendarías para comer?: Calquera sitio vegano. Os restaurantes aos poucos van poñendo opcións para nós, o cal é de agradecer.